Copo e Aimen crean escumas máis lixeiras para a automoción

Desenvolver novos materiais. Ese é o obxectivo principal da alianza que, en forma de unidade mixta, manteñen a multinacional do sector de automoción Copo, con sede en Mos, e o centro tecnolóxico Aimen.
 
En concreto son dous os proxectos que comparten. O primeiro, cun presuposto de 2,4 millóns de euros, persegue desenvolver novas tecnoloxías para a fabricación de produtos escumados, destinados en principio á industria do automóbil pero pensando en lograr aplicalos a longo prazo a outros sectores como o aeronáutico, o naval, o ferroviario, militar ou a construción.
 
Especialmente ambicioso é o segundo dos proxectos. Iniciado o pasado ano, conta cun presuposto de 2,8 millóns e non rematará ata o 2020. Aimen e Copo pretenden avanzar en novas tecnoloxías que melloren a fabricación de pezas de poliuretano expandido. Aínda que queren ir un paso máis alá e van intentar fabricar a súa propia materia prima para producir o devandito material, consciente de que ten un gran potencial de crecemento en especial na industria da automoción.
 
Lixeireza, resistencia e capacidade de absorción de impactos son as calidades que fan tan valioso o devandito material, que se está a validar en diferentes compoñentes. O éxito da iniciativa permitirá non só un importante aforro de custos loxísticos -aínda que se trata dun produto cuxo peso é mínimo, resulta moi voluminoso-, senón que permitirá adaptarse ás necesidades de cada cliente, o que garantirá na práctica unha produción á carta.
 
Na actualidade só tres empresas no mundo subministran materia prima para fabricar pezas de polietileno expandido. Unha está en Xapón e as outras en Alemaña e Bélxica. Transportar o produto dende calquera delas ata Mos supón unha elevadísima factura, polo que ser capaces de producir a materia prima suporá un antes e un despois para Copo, tal como recoñecía no seu día o director de I+D do grupo, Arturo González, que engadía que hai que ter en conta que a materia prima representa na actualidade o 50% do custo da peza.
 
(Fonte: La Voz de Galicia)