Os premios foron convocados con carácter nacional e recoñecerán cinco candidatos que non leven máis de cinco anos no mercado e que demostraran que a súa idea funciona.
Os cinco galardóns acompañaranse dun plan de difusión completo e distribuiranse entre cinco empresas que destacaran nas categorías de redes sociais, empresas emerxentes, comunicación, internacionalización e idea innovadora.
O obxectivo é dar a coñecer persoas e empresas de relevancia no ámbito profesional pola súa excelencia, achegando valores inherentes ao emprendedor como o traballo, a constancia, o esforzo, a dedicación, a visión de futuro ou o éxito.
O director de ‘Emprende’, Juanma Romero, explicou que o obxectivo dos premios é “recoñecer o traballo dos nosos emprendedores, valorando a humanidade, a constancia, o traballo e tamén a política do trato aos empregados”. Neste sentido, destacou especialmente aqueles emprendedores que están a levar a Marca España a outros lugares do mundo”.
Martín explicou que “é imposible dicir que non a un programa como ‘Emprende’, un equipo que, para cada problema, ten pensadas cinco solucións. O mesmo acontece con estes premios”.
Difusión
Os premios, ademais da entrega dunha figura, consistirán nunha entrevista nos programas ‘Emprende’ e ‘Emprende Express’, e o seguimento continuado dos proxectos en TVE, RNE e a páxina web de RTVE.
Ademais terán cobertura informativa e seguimento da actividade dos premiados durante un ano por parte da Axencia EFE. No caso de necesitar financiamento, presentación dos proxectos ante o Club de Investidores privados PGS, onde en anteriores edicións se conseguiron ata 500.000 euros de investimento.
Tamén obterán campaña de comunicación a nivel nacional e internacional por parte de Womenalia e acceso gratuíto, instantáneo e sen esperas a todos os cursos de formación do Grupo Google en calquera lugar de España, avisando con 24 horas, mesmo se o grupo estivese completo e pechado.
Os premiados terán adhesión gratuíta a Adigital por un ano xunto coa preparación dun informe de viabilidade de marca no ámbito español, solicitude de marca (denominativa, mixta ou gráfica) nunha clase, concesión e envío do título de concesión, mantemento e vixilancia nos 10 primeiros anos dende a solicitude ou, se algún dos premiados xa tivese marca, protección dun dominio, territorial ou xenérico, por parte de PONS.
Finalmente, os premiados recibirán un curso especializado en comunicación empresarial a través do Instituto RTVE. Ademais, estes premios poderían incrementarse coas achegas doutros membros do xurado.
A convocatoria ábrese o 29 de xuño e os interesados poderán presentar candidaturas ata o 30 de setembro a través da web. A gala de entrega dos premios celebrarase o 28 de outubro no Gran Casino de Aranjuez.
(Fonte: EFE Emprende)