Convocados os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) convocaron a XIX edición dos “Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014”, en colaboración co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), a Asociación multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (Ineo) e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O obxectivo destes galardóns, que se entregarán o próximo 21 de outubro, reside en distinguir as mellores iniciativas galegas de base tecnolóxica en materia de innovación social, aquelas que fomenten as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) accesibles, que apoien a igualdade de oportunidades, a inclusión dixital ou que dean resposta ás demandas sociais no ámbito da saúde, o benestar e a calidade de vida das persoas en risco de exclusión social ou dixital.

A convocatoria, cuxo prazo de presentación finaliza o 8 de outubro, inclúe ata catro categorías diferentes: o “Premio Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC”, o “Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao Sector TIC”, mediante o cal se recoñece o labor de investigadores das universidade galegas neste campo; o “Premio Ineo ao Produto ou Servizo TIC máis innovador”, destinado a galardoar as empresas que contribúen ao impulso e dinamización do sector; e por último, o “Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais”, de carácter honorífico, que conmemora os proxectos que achegan maiores beneficios á sociedade.

(Fonte: Innovamás)