Convocados os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2018, con bases simplificadas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, abre ata o 31 de maio o prazo de presentación de candidaturas aos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2018.

Co obxectivo de facer o proceso de presentación de proxectos máis accesible, as bases simplificáronse de xeito significativo e habilitouse a tramitación de candidaturas de xeito totalmente telemático. Isto facilitará a concorrencia de grupos de investigación, pemes e grandes empresas, os destinatarios duns galardóns que este ano chegan á súa cuarta edición cunha contía total dos premios que ascende a 28.000 euros netos.

A RAGC e a GAIN colaboran de novo na organización deste certame para recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía e, en particular, entre investigadores e empresarios.

A primeira modalidade dos premios está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación situados en Galicia. Premiará o mellor traballo de investigación aplicada do que poidan desprenderse aplicacións de interese para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. A dotación do premio ascende a 6000 euros netos, aos que se suma unha axuda de 4000 euros netos para a formación dun membro do equipo gañador, para unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra de Galicia.

As dúas modalidades empresariais buscan os casos de éxito máis representantivos de innovación conseguida a partir da transferencia de tecnoloxía. A primeira delas vai dirixida ás pemes galegas (incluíndo as micropemes) que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto cun ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón ascende a 12.000 euros netos. No caso das grandes empresas, o premio toma como referencia os mesmos méritos que se valoran nas pemes, coa diferenza de que o premio para a empresa ten carácter honorífico e o grupo de investigación colaborador percibirá 6000 euros netos en concepto de apoio ao seu traballo no campo da transferencia de coñecemento.

O detalle das bases e os formularios para a presentación de candidaturas poden obterse nas webs da RAGC e de GAIN.

(Fonte: RAGC)