O prazo permanecerá aberto ata o 30 de xuño, e os premios recoñecerán ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, aos mellores casos de éxitos empresariais de transferencia de tecnoloxía e, como novidade, a unha grande empresa.
A primeira modalidade está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación situados en Galicia. Entre as candidaturas presentadas seleccionaranse a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado. A dotación de premio ascende a 6000 euros netos, aos que se suma unha axuda de 4000 euros para a formación dun membro do equipo gañador a través dunha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación fóra de Galicia.
As dúas modalidades empresariais buscan os casos de éxito máis representativos de innovación conseguida a partir da transferencia da tecnoloxía. A primeira delas está dirixida a pemes e micropemes galegas que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, un proxecto conxunto cun ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación ascenderá a 12.000 euros.
No caso das grandes empresas, o premio tomará como referencia os mesmos méritos que se valorarán nas pemes, coa diferenza de que o premio para a empresa terá carácter honorífico e o grupo de investigación percibirá 6000 euros netos en concepto de apoio ao seu traballo.
O detalle das bases e a documentación a entregar pódese consultar na web da RAGC.
(Fonte: Innovamás)