Convocados os I Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia pola Axencia Galega de Innovación e a Real Academia Galega de Ciencias

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) convocaron a primeira edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, dotados con 22.000 euros. Estes galardóns contan con dúas modalidades: mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada e mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía.

As entidades colaboran na posta en marcha deste certame baixo a premisa de que a apropiada transferencia de coñecemento procedente de organismos de investigación ao tecido produtivo está considerada unha estratexia prioritaria a nivel global para o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. Con estes premios queren recoñecer casos de éxito, para que sexan difundidos á cidadanía e sirvan como referencia inspiradora para investigadores e empresarios.

A primeira modalidade está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación situados en Galicia. Nesta distinguirase á iniciativa que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado. A súa dotación será de 6000 euros, aos que se sumará unha axuda de 4000 para a formación dun membro do equipo ganador, mediante unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación fóra de Galicia.

Pola súa parte, a modalidade empresarial quere premiar o caso de éxito conseguido a partir da transferencia de tecnoloxía por unha peme galega. Trátase de distinguir a mellor innovación procedente da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou calquera outro mecanismo de transferencia. Neste caso, a dotación é de 12.000 euros.

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 29 de outubro. O detalle das bases e a documentación a entregar pode consultarse na web da GAIN e na da RAGC.

(Fonte: RAGC)