A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, abre ata o 31 de maio o prazo de presentación de candidaturas aos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2019. Co obxectivo de facer o proceso de presentación de proxectos máis doada, simplificáronse as bases e reduciuse o tamaño máximo das memorias. Como nos anos anteriores, a tramitación das candidaturas faise telematicamente.
Os destinatarios destes galardóns, que este ano chegan á súa quinta edición, son os investigadores e as empresas na súa faceta máis aplicada e de transferencia de coñecemento. A RAGC e a GAIN colaboran de novo na organización deste certame para recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía e, en particular, investigadores e empresarios.
Convócanse os seguintes premios:
– Premio “Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada, dotado con 6000 €, para recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia.
– Premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, dotado con 6000 €, froito da colaboración cunha empresa. O premio irá destinado ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida. Será válido calquera mecanismo de transferencia dende o grupo á empresa (adquisición de patente, proxecto conxunto, spin- off, etc.).
– Premio “Ricardo Bescansa Martínez” a un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida, dotado con 6000 €, froito da colaboración cun grupo de investigación galego. O premio irá destinado á empresa que implantara con éxito a tecnoloxía transferida. Será válido calquera mecanismo de transferencia dende o grupo á empresa (adquisición de patente, proxecto conxunto, spin- off, etc.).
As bases están dispoñibles nas webs de GAIN e da Real Academia Galega de Ciencias.
(Fonte: Innovamás)