Segundo a empresa, trátase dunha ferramenta pioneira en España que mellora a eficacia das enquisas de satisfacción de empresas e entidades. A solución, que xa se probou a fondo en talleres e concesionarios de coches cuns resultados que Contactnova cualifica de “excelentes”, non só permite aforrar tempos de produción á hora de dar forma a un informe de satisfacción feito con cuestionarios, senón que tamén posibilita un importante aforro de custos.
Xa nun plano máis detallado, coa ferramenta de Contactnova pódese cargar de forma automática e en tempo real, no propio sistema CTI (Computer Telephone Integration, sistema informático para xestionar todas as canles de comunicación dunha empresa), os ficheiros dos clientes que deben ser enquisados, organizados e verificados de xeito correcto, para que poidan así ser empregados “de xeito inmediato” polos teleoperadores.
A gran vantaxe do sistema baséase polo tanto en que permite facer de xeito inmediato e co mínimo traballo o que antes se facía de xeito manual. Cousas como por exemplo igualar formatos cos contidos das bases de datos, eliminar arquivos duplicados ou datos incorrectos, etc.
O proxecto contou co financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, a través do programa Innovaempresa, destinado a apoiar a innovación nas pequenas e medianas empresas de Galicia.
Contactnova é unha empresa galega con máis de dez anos de experiencia nos campos da mercadotecnia, a atención telefónica, a comunicación co cidadán, a consultoría e os servizos telefónicos.
(Fonte: Código Cero)