Contac Comunicación presenta Orama no foro de Smart Cities

A empresa de Tecnópole Contact Comunicación participará mañá en Madrid na xornada “Smart Cities, as TIC aplicadas ao modelo de sociedade sustentable”, na que presentará a súa solución Orama, un sistema gratuíto de promoción de actividades socioculturais.
O evento está organizado pola Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica (Conetic), coa colaboración da Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (Ineo).
A aplicación deseñada por Contact Comunicación baséase en dous alicerces moi claros: acabar co enorme custo económico e ambiental que supón imprimir miles de folletos aos que os usuarios xa non prestan atención e, en segundo lugar, erradicar o mal efecto que supón ver as fachadas dos edificios empapeladas con carteis que se acaban convertendo nunha amálgama de papel, cun importante custo de limpeza para as cidades.
A través da web www.canalorama.com os xestores de actividades socioculturais, xa sexan públicos ou privados, poden crear o seu propio perfil, desde o cal eles mesmos xestionan a información que queren ofrecer aos seus usuarios. Esta información queda almacenada na nube e os usuarios que queiran consultala poden descargar de forma gratuíta a aplicación nos respectivos mercados online.
Por último, a ferramenta, dotada dun compoñente social, permite aos creadores de eventos, aos artistas e aos usuarios destas actividades interactuar, para así crear unha ágora onde calquera persoa poida decatarse de que actividades culturais están a celebrarse na súa cidade ou no lugar que está a visitar.