Conexiona presenta o seu cubo de lixo intelixente na First LEGO League Galicia

A empresa de telecomunicacións Conexiona, con sede en Tecnópole, é unha das patrocinadoras da edición galega deste ano da First LEGO League (FLL). Neste evento presentará o CUBI, o seu novo cubo de lixo intelixente, que comunica cando está cheo e co que os participantes poderán interactuar de xeito didáctico e divertido para coñecer a tecnoloxía IoT Place desenvolvido pola empresa.

A FLL, que celebra a súa edición galega este próximo sábado día 20 na Coruña, ten por obxectivo espertar a curiosidade e o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre os máis novos.

Baixo a organización da Universidade da Coruña, esta iniciativa baséase nun xogo competitivo de robótica no que os participantes experimentan con ferramentas LEGO, ademais dun proxecto científico que os equipos deben resolver. As actividades non soamente perseguen a adquisición de coñecementos novos e o fomento das vocación científico-tecnolóxicas, senón tamén a valoración do traballo en equipo, a investigación, as habilidades na resolución de problemas e a conciencia de contribuír nun aspecto construtivo á nosa sociedade.

A competición ten dúas categorías por idades, de 6 a 9 anos e de 10 a 16. O xogo por equipos da FLL consiste no deseño, construción e programación dun robot coa tecnoloxía LEGO® MINDSTORMS®. Deberán superar unha serie de probas nun circuíto idéntico para todos os equipos participantes.

O outro desafío que os equipos deberán levar a cabo é a realización do proxecto científico. Todos os participantes se enfrontan a un mesmo problema, que é proposto cada ano pola organización da FLL. Cada equipo debe deseñar unha solución creativa para resolver este problema. Neste desafío a creatividade mostrada na solución é fundamental.

O equipo gañador do torneo representará a Galicia no campionato nacional, que este ano terá lugar durante os días 12 e 13 de marzo en Xirona.

(Fonte: Conexiona e UDC)