O software foi desenvolvido integramente en Tecnópole e, grazas a un acordo de distribución coa multinacional Lafón España, ten unha previsión de vendas anuais de entre 150 e 200 implantacións. Actualmente, existe unha gasolineira en Outeiro de Rei (Lugo) que se está a xestionar a través de iPetrol, ás que se suman outras en Estremadura, Madrid e Cataluña.
A aplicación deseñada por Conexiona é a primeira do mercado que permite unha xestión integral. “Existen outras solucións de xestión pero todas son parciais, para determinadas utilidades, a nosa é a primeira que permite o control e monitorización de absolutamente todos os procesos da estación de servizo”, explica José Antonio Losas, director de Tecnoloxías da Información da empresa.
iPetrol pode manexarse a través dunha plataforma web ou dunha aplicación móbil adaptada a todos os sistemas operativos (Android e iOS) e é integrable con calquera sistema de xestión estándar implantado nas gasolineiras. As súas utilidades permiten o control remoto dos prezos nos monolitos, as luces, as portas, a alarma e as cámaras de seguridade. Ademais, envía notificacións inmediatas sobre saltos de alarma, vandalismo, incendios ou fallos en equipos e compoñentes.
A isto súmase a monitorización dos niveis de combustible e de parámetros de análise como os prezos da competencia, a evolución das vendas e gráficas para identificar os combustibles e surtidor máis rendibles. Tamén se integra un sistema de comunicación cos clientes en caso de que a estación de servizo funcione sen persoal, a través dun interfono que opera mediante telefonía por internet.
O sistema permite xestionar en tempo real dende unha soa gasolineira ata unha rede completa. “Nos últimos anos estamos a ver como o modelo de xestión das estacións de servizo está a cambiar e cada vez hai máis que funcionan sen persoal presencial”, indica Losas, en referencia á necesidade detectada pola empresa no mercado para a que deseñaron esta solución.
iPetrol foi presentado na feira Motortec Automechanika Madrid. O obxectivo de participar neste evento foi incrementar a visibilidade do produto a nivel internacional, xa que se trata da feira profesional líder para a industria da automoción en España e é visitada por expertos da Península Ibérica, América Latina e Norte de África.
(Fonte: Conexiona e Tecnópole)