Neste sentido, o conselleiro resaltou o peso destes sectores no desenvolvemento “social, natural e cultural” de Galicia, sinalando que o agroalimentario representa o 7% do PIB, a industria forestal galega suma a metade do recurso dispoñible en España, e a biotecnoloxía é un dos sectores con maior potencial en termos de creación de valor e competitividade.
Así, Conde valorou o papel clave da innovación para impulsar o seu crecemento. De feito, lembrou, a biotecnoloxía está considerada na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3 como tecnoloxía facilitadora de primeiro orden, fundamental para a diversificación da industria galega e o impulso da economía do coñecemento. Unha Estratexia que, segundo explicou, atende tamén á modernización do sector primario, á mellora na xestión dos recursos naturais, e ao desenvolvemento de alimentos funcionais para un novo modelo de vida saudable.
Neste contexto, Conde resaltou a importancia do encontro celebrado estes días, que permitiu a máis de 400 empresas e expertos internacionais compartir coñecemento e establecer novos contactos. De feito, as empresas de biotecnoloxía participantes tiveron ocasión hoxe de coñecer novas oportunidades no ámbito da protección de cultivos. Os expertos destacaron que a diversidade de cultivos existentes na Unión Europea facilita atopar múltiples nichos de negocio, tanto para a subministración de produtos como de servizos.
Neste mesmo eido, foron presentados o Programa de Desenvolvemento Precomercial de Resultados de Investigación do Sistema Público de Saúde Galego (PRIS) e varias empresas galegas innovadoras. Health in Code expuxo os seus avances en xenética cardiovasculares, Bialactis presentou os seus novos probióticos e Hifas da Terra e AMS Lab explicaron tamén os seus desenvolvementos máis novidosos.
Pola súa banda, os expertos en agroalimentación destacaron os retos que se abren no sector da agricultura ecolóxica, dado que os estudos apuntan a que nun prazo de entre 10 e 15 anos será a principal fonte de produtos agrícolas. Así, mentres que en España esta vertente supón o 2% do total, por exemplo en Austria alcanza xa o 15%.
Pola súa banda, Oliver Chen, profesor da Universidade Tufts (Boston), destacou os beneficios que os alimentos funcionais presentan na prevención das enfermidades asociadas ao envellecemento, achegando así a perspectiva das tendencias máis novidosas nun dos retos centrais da Estratexia de Especialización Intelixente.
E no campo da biomasa forestal, abriuse unha nova perspectiva centrada no seu aproveitamento como fonte de compostos ou precursores de activos alimentarios, como probióticos ou aditivos. Nesta liña, déronse a coñecer novos materiais desenvolvidos a partir de biomasa para a súa utilización na automoción, co obxectivo de reducir o uso do plástico en favor de opcións novidosas de tipo “eco”, máis sostibles non só a nivel medioambiental senón tamén económico pola redución de custos que conleva.
O programa Agrobiotech
Grazas a este apoio as compañías puideron incrementar o seu potencial innovador, impulsar novos produtos e servizos, e acceder a financiamento a través do programa europeo Horizonte 2020 e os fondos I2C. “O obxectivo era que a implantación efectiva destes itinerarios se traducise en resultados medibles. En concreto, estimamos para os participantes un incremento do 15% na introdución de produtos innovadores no mercado, e doutro 15% nas súas ventas ao exterior”, subliñou Conde.
Ademais, a iniciativa completouse con accións de capacitación abertas a outras empresas destes sectores, que permitiron a un centenar de pemes beneficiarse de formación especializada en innovación e internacionalización; e coa celebración da Lonxa de Investidores Bio, que coa colaboración de Bioga está a axudar aos emprendedores do sector biotecnolóxico a realizar plans de negocio e presentalo a posibles investidores.