Conde destaca o papel do campamento de Tecnópole na potenciación do talento dos novos galegos e subliña a creatividade dos participantes

A visita do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, puxo o punto e final aos Tecnópole Technological Workshops (T2W) deste ano. Acompañado polo director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla, Conde destacou o importante papel que desenvolven as Aulas Tecnópole na potenciación do talento dos mozos galegos e subliñou a creatividade dos 30 participantes no campamento tecnolóxico de verán de Tecnópole, que tal e como destacou, fomenta a innovación e o espírito emprendedor que está a impulsar a Consellería de Economía e Industria.

O conselleiro participou nalgún dos experimentos do único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia, que se desenvolveu durante dúas semanas no Parque Tecnolóxico de Galicia, permitindo aos participantes, de entre 12 e 18 anos, experimentar das maneiras máis divertidas para adquirir competencias e habilidades tecnolóxicas.

Entre outras actividades, os rapaces puideron construír foguetes impulsados por auga e pirámides con espaguetes, e programaron robots. A formación incluíu nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc. Os mellores de cada categoría terán asegurada a súa participación na próxima Galiciencia, a feira científica que organiza Tecnópole no mes de novembro.

Os obxectivos deste campamento tecnolóxico consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público, etc.

Este ano intensificouse a práctica do inglés, coa presenza dun profesor nativo que acompañou aos alumnos e alumnas todos os días durante as comidas e en varios talleres e actividades. Fomentouse a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais. Así, durante o campamento os participantes practicaron tamén actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación, o tenis ou o atletismo.

As aptitudes comunicativas e a expresión corporal tiveron un oco importante na axenda de todos os grupos de idade, con talleres para falar en público e sesións de debate. Ademais, recibiron educación ambiental e aprenderon hábitos de alimentación saudables mediante a preparación de comidas sinxelas con produtos da horta ecolóxica.

(Fonte: Xunta e Tecnópole)