Concurso de fotografía a través Instagram de Galiciencia

Ademais do concurso de proxectos, Galiciencia convoca un concurso de fotografía a través de Instagram. Este certame está aberto a todo o alumnado e profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP dos centros educativos de toda España. As fotografías deben ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa temática desta edición da feira, a “Economía Circular”. O prazo para presentalas remata o vindeiro 18 de abril.

Todos os participantes que desexen participar neste concurso deberán seguir o Instagram de Galiciencia. Terán que subir as súas fotografías a través desta rede social, etiquetando a Galiciencia co hashtag #concursogalicienciaonline2022. Cómpre ademais indicar o título de cada instantánea, así como o centro educativo ao que pertence cada participante.

Cada persoa poderá presentar un máximo de tres fotografías. As instantáneas poden ser tanto en branco e negro como en cor. Os participantes deberán ser os/as autores/as das obras presentadas.

Un xurado de expertos decidirá a proposta gañadora. A resolución farase pública o 13 de maio, durante o acto de entrega de premios de Galiciencia 2022.

Máis información: www.galiciencia.com

Fonte: Tecnópole