Concedidos os Premios Nacionais de Innovación e Deseño 2015

O Ministerio de Economía e Competitividade, a través da Secretaría de Estado de I+D+i, concedeu os Premios Nacionais de Innovación e de Deseño 2015. Estes galardóns recoñecen empresas e profesionais que destacaron pola súa traxectoria exemplar tanto na innovación coma no deseño.

O xurado decidiu premiar a Manuel Torres Martínez, na modalidade de ‘Traxectoria Innovadora’; á Universidade de Córdoba, na modalidade ‘Compra Pública Innovadora’; e a Nature Bissé e Iberdrola, na modalidade de ‘Internacionalización’. En canto aos Premios Nacionais de Deseño, foron galardoados Jaime Moreno Medina, na categoría de ‘Profesionais’ e Marset Iluminación, na categoría de ‘Empresas’.

Premiados

Manuel Torres Martínez foi galardoado polo seu rigor profesional e empresarial estreitamente comprometidos coa innovación no sector de sistemas de automoción de procesos produtivos altamente complexos. O xurado valorou o seu forte compromiso coa innovación e a súa capacidade para desenvolver actividades de transferencia tecnolóxica en sectores tan diversos como o aeronáutico ou o enerxético.

A Universidade de Córdoba foi premiada tanto polos seus proxectos no campo da biomedicina como no sector agroalimentario. Na área sanitaria, o seu esforzo foi digno de mención por optimizar o papel das administracións públicas nos procesos públicos de licitación e formular solucións innovadoras a necesidades do ámbito da terapia e o diagnóstico médico. Así mesmo, o xurado considerou que o proxecto do campo agroalimentario proporciona solucións de carácter innovador ás necesidades do seu ámbito máis próximo, en concreto na mecanización do sector do oliveiral.

A empresa Natura Bissé viu recoñecido o seu forte compromiso coa innovación, que lle permitiu posicionar os seus produtos entre as marcas máis exclusivas da cosmética mundial. Mediante a aplicación de solucións innovadoras, a través do seu constante investimento en I+D, obtiveron novos ingredientes altamente eficaces e novas texturas en tratamentos cosméticos, que lles proporcionou un volume de vendas no estranxeiro próximo ao 75%

A compañía Iberdrola conseguiu situarse como líder mundial en enerxía eólica e converterse na maior empresa de renovables grazas a un proxecto industrial valente e innovador, de gran solidez e baseado nunha estratexia de crecemento sustentable. O seu investimento en I+D está orientado a mellorar a eficiencia das súas operacións, desenvolver novos produtos e servizos, e deseñar novas tecnoloxías e modelos de negocio.

Jaime Moreno Medina foi premiado pola súa visión creativa e innovadora especializada no deseño de produtos industriais orientados ao usuario que, a través do deseño, achega un valor comercial e ao mesmo tempo unha mellora na calidade de vida das persoas. Ademais do deseño do produto, achega unha visión multidisciplinar que o converteu nun consultor experto en estratexia de produto. A súa orientación profesional permitiulle, a través da súa empresa Mormedi, o desenvolvemento de numerosos proxectos para compañías procedentes de múltiples sectores.

Por último, Marset Iluminación viu recoñecido os seus deseños no ámbito da iluminación, que establecen un importante elemento estratéxico empresarial e constitúe un eixe transversal que une produto, comunicación e empresa ata alcanzar comportamentos sustentables e responsables. O xurado destacou o crecemento excepcional da entidade nos últimos anos, a súa forte cota de exportación e a calidade das súas diferentes coleccións.

(Fonte: Ministerio de Economía)