Concedidos os premios ao Inventor Europeo 2014

Os creadores de avances tecnolóxicos como a impresora 3 D, o código QR ou da proba rápida de ADN, foron galardoados cos Premios ao Inventor Europeo 2014.

O galardón coñecido como ‘Logro de por vida’ recaeu en Artur Fischer (Alemaña), quen con máis de 1100 solicitudes de patentes é un dos inventores máis prolíficos de todos os tempos. A súa invención máis recoñecida é o tapón de expansión (ou “taco Fischer”) que revolucionou a industria da construción en 1958 e utilizouse miles de millóns de veces en todo o mundo dende entón.

No sector industrial, o gañador foi o equipo liderado por Koen Andries (Bélxica) e Jérôme Guillemont (Francia), polos seus esforzos no desenvolvemento dun fármaco innovador que reduciu rapidamente a subministración de enerxía na bacteria da tuberculose, o que reduce significativamente os tempos de tratamento e permitindo unha recuperación completa.

No ámbito das pequenas e medianas empresas foron recoñecidos Peter Holme Jensen, Claus Hélix-Nielsen e Danielle Keller (Dinamarca). O equipo danés recibiu o premio pola súa invención dunha membrana de purificación de auga recuberta con acuaporinas, que purifica a auga sen consumir grandes cantidades da enerxía.

Pola súa banda, Christofer Toumazou (Reino Unido), foi o gañador na categoría de investigación pola súa invención dunha proba de ADN rápida que pode descifrar a composición xenética dos individuos en cuestión de minutos, sen a necesidade de traballo de laboratorio.

Mentres, o inventor da impresora 3D, Charles W. Hull (Estados Unidos) foi o científico que recibiu o premio que recoñece investigadores non europeos. Destacouse do seu traballo o feito de que sexa unha tecnoloxía que está actualmente en uso en numerosos campos e que provocou unha verdadeira revolución na industria manufectureira.

Finalmente, o premio popular, elixido por votación da sociedade, foi para os xaponeses Masahiro Hara e Takayuki Nagaya por inventar o código QR (Quick Response). Entre outras cousas, utilízase para a xestión de inventarios nas fábricas, a administración dos arquivos de pacientes, o seguimento das mostras biolóxicas e como ferramenta de mercadotecnia.

(Fonte: EFE)