Todos (ou case todos) dispoñemos dunha cociña e un batedor, pero poucos temos os coñecementos científicos para levar a cabo o que conseguiu un grupo de investigadores do Trinity College de Dublín. En concreto, o equipo ten a ‘receita doméstica’ para producir grandes cantidades de grafeno limpo e de boa calidade, considerado o material do futuro.
As láminas de grafeno son o material máis delgado e forte do mundo, flexible e bo condutor da electricidade. Os seus potenciais son enormes, dende extraordinarias pantallas táctiles e novos chips a fórmulas para o tratamento da auga ou para a elaboración de fármacos contra o cancro. Moitos investigadores perseguen como fabricalo. E isto é o que intentou o equipo do Trinity College dirixido por Jonathan Coleman, cun batedor de cociña de alta potencia (400 vatios), medio litro de auga, de 10 a 25 ml de deterxente, e de 20 a 50 gramos de po de grafito (atópase nas minas dos lapis). Utilizaron a máquina de 10 a 30 minutos e o resultado, segundo informa Nature, foi un gran número de escamas de grafeno do tamaño dun micrómetro suspendidas na auga.
Un quilo ao día
Se está a pensar que podería facelo vostede mesmo na súa cociña, afórrese esnaquizar o seu batedor, porque debe saber que non todo foi tan sinxelo. En realidade, Coleman recoñece que se realizou un traballo previo en laboratorio para preparar os ingredientes e que se utilizaron microscopios electrónicos e espectrómetros para separar o grafeno e probar o resultado. O traballo principal foi realizado cun batedor industrial.
Non obstante, insiste en que o seu método demostra o simple que pode chegar a ser fabricar grafeno en cantidades industriais. Unha compañía británica chamada Thomas Swan levará o proceso, que foi patentado, a escala industrial e espera conseguir un quilo de grafeno ao día a finais de ano. Os investigadores cren que supón un importante paso adiante para producir grafeno sen límites de forma barata. A técnica do batedor produce pequenas escamas dunhas catro ou cinco capas de espesor de media, sen defectos e cunha alta condutividade eléctrica.
En canto ás aplicacións, son infinitas: baterías, placas solares, pantallas electrónicas flexibles e de baixo custo, plantas de desalinización… Moitas empresas xa fabrican e venden grafeno, agora está por ver que método triunfará nesta incipiente e prometedora industria.
(Fonte: ABC)