Galicia, innegablemente, sempre foi fonte de talento e, grazas ao poder investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), mantívose na vangarda dos estudos a nivel mundial. Nesta loita que se está a librar nos laboratorios de todo o planeta contra a COVID, non podía ser doutra maneira, e dúas vacinas con selo galego atópanse en fases avanzadas de desenvolvemento, mentres un grupo de fabricación do Porriño está xa en fase de elaboración das doses de Novavax que serán distribuídas a toda Europa, previsiblemente, antes de que remate 2021.
E é que, para que logo digan que as vacinas non son seguras, cada unha delas estase a analizar minuciosamente e cumprindo fases de avaliación que levan meses. As dúas “made in Galicia”, desenvoltas no CiQUS e no CiMUS, atópanse en fase de probas en animais e, de aí, se os resultados obtidos son positivos, poderán saltar a ensaios clínicos en humanos, o que sería o paso previo á súa autorización e posterior comercialización.
Cómpre lembrar que estas vacinas comezaron a confeccionarse o pasado ano 2020, contando coa cepa orixinal do virus, de maneira que nestes intres séguese a traballar sobre ela. Por tanto, pode xurdir unha gran dúbida: serán efectivas tamén contra as novas variantes que axexan perigosamente á humanidade? A resposta só poden arroxala novos ensaios, pero o certo é que, tal como indica José Manuel Martínez Costas, investigador do CiQUS, calquera vacina é “fácil” de adaptar ás novas cepas. Trataríase de introducir as mutacións que ten a cepa concreta sobre a que se queira protexer para adaptar a dose. É por iso que, a día de hoxe, séguese a traballar no desenvolvemento destas vacinas coa cepa orixinal e, unha vez que se teña un balance positivo da súa eficacia, entón poderíase proceder a recombinarlas para que tivesen máis eficacia contra as novas variantes que xurdan.
Por outro lado, en situación ben diferente, atopámonos á empresa Biofabri, do Grupo Zendal, que xa está a producir as vacinas de Novavax, cunha eficacia do 96,4 %. Aínda non foron comercializadas, pero prometen chegar pronto tanto á Unión Europea como ao Estados Unidos -país de orixe da compañía-. Neste caso, si hai estudos que proban a súa eficacia sobre as variantes existentes. Nun ensaio levado a cabo en Sudáfrica, demostrouse unha eficacia do 55,4 % nunha rexión onde había cepa surafricana.
Fonte: El Correo Gallego