Como as fábricas intelixentes achegarán valor engadido á economía

As fábricas intelixentes -é dicir, aquelas que fan uso de diferentes tecnoloxías e plataformas dixitais para conseguir melloras significativas en produtividade, calidade, flexibilidade e servizo- poderían achegar un valor engadido de entre 1500 e 2200 millóns de dólares á economía mundial, grazas ao aumento da produtividade, unha mellora da calidade e o crecemento da cota de mercado, ademais da mellora dos servizos ao cliente, segundo se desprende dos resultados dun novo estudo do Instituto de Investigación de Capgemini.

Non obstante, matízase que dous terzos desta contribución aínda estarían en vías de materializarse: a eficiencia dende o deseño e a excelencia operativa a través do uso da información en tempo real, contribuirán en igual medida.

Polo momento, China, Alemaña e Xapón son os tres primeiros países en adopción da fábrica intelixente seguidos de cerca por Corea do Sur, Estados Unidos e Francia, apuntan dende este informe, titulado Smart Factories @ Scale, que identifica os retos principais que afrontan as empresas á hora de conseguir a implantación das plantas 4.0 ao longo de toda a organización.

O primeiro destes retos é a converxencia TI-TO (polas siglas tecnoloxía da información e tecnoloxía das operacións, mentres que o segundo se refire ao conxunto de coñecementos e competencias requiridos para impulsar a transformación. O obxectivo desta disrupción tecnolóxica é atopar novas formas de crear valor para o negocio, optimizar as súas operacións e innovar para un futuro sustentable.

De feito, nos últimos dous anos incrementouse o número de organizacións que están a acometer a dixitalización das súas plantas (do 43% ao 68% en 2019) e un terzo das fábricas transformouse xa en instalacións intelixentes.

Os plans actuais dos fabricantes pasan por ter un 40% máis de fábricas intelixentes nos próximos cinco anos e, nos próximos tres anos, multiplicar por 1,7 os seus investimentos anuais respecto ás dos últimos tres exercicios.

O reto da escalabilidade

A pesar destas perspectivas positivas, os fabricantes poñen de manifesto que é difícil implantar e escalar as iniciativas e chegar a unha situación de pleno éxito: só o 14% considera que as súas actuais iniciativas tiveron éxito, mentres que preto do 60% sinala que aínda traballa en conseguir unha implantación a nivel xeral.

Neste sentido, por exemplo, estímase que serán necesarios os perfís interdepartamentais e, entre eles, os que combinen enxeñería e fabricación, fabricación e mantemento, e seguridade e protección. Tamén serán vitais as competencias actitudinais (soft skills), como a resolución de problemas e as habilidades colaborativas.

Jean-Pierre Petit, responsable da área de Fabricación Dixital en Capgemini, destaca que unha fábrica é “un ecosistema vivo e complexo no que o próximo reto se sitúa na eficiencia dos sistemas de produción, máis que na produtividade laboral”. Na súa opinión, o que marcará a diferenza será a seguridade dos datos, as interaccións en tempo real e as interfaces que integran o virtual e o físico.

“Para aproveitar o potencial da fábrica intelixente, as organizacións deben deseñar e implantar un programa de goberno específico e desenvolver unha cultura de operacións baseadas en datos”, explica Petit, ao tempo que incide en que se trata dunha “oportunidade estratéxica” para “cambiar a forma en que as industrias operarán e se preparan para o futuro”, engade.

(Fonte: La Razón)