Investigadores do Centro Nacional de Biotecnología (CNB), adscrito ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), inician os ensaios preclínicos con animais unha vez que xa obtiveron un candidato a vacina contra o coronavirus, segundo informa o Ministerio de Ciencia.
O grupo que lidera Mariano Esteban xunto a Juan García Arriaza está a desenvolver unha vacina baseada nunha modificación do virus usado na erradicación da varíola na década dos anos 70 do século XX. En concreto, utilizan unha cepa “moi atenuada” do virus Vaccinia (MVA), da familia do virus da varíola, como vector viral para inserirlle xenes do novo coronavirus que poidan inducir “unha boa resposta inmune fronte ao SARS-CoV-2”.
Os expertos cren que “hai posibilidades reais” de inducir protección utilizando esta aproximación cunha soa dose da vacina, o que se conseguiu en proxectos anteriores do laboratorio para a xeración de vacinas contra ébola, zika e chikungunya. Desta maneira, a investigación do grupo de Esteban arrinca unha nova fase no desenvolvemento do seu proxecto de vacina, cuxo proceso pasa por varias fases, e que “necesitan varios meses cada unha”.
As fases do proxecto
En primeiro lugar, deberá acometerse a xeración do prototipo de vacina no laboratorio, mediante ensaios en células en cultivo, no caso da vacina que investiga este grupo, illando virus recombinantes que expresen de forma estable o xene do coronavirus SARS-CoV-2 relevante en protección. Esta fase xa foi completada. No segundo tramo pódense comezar os ensaios preclínicos con modelos animais, co obxecto de demostrar que a vacina “é inmunoxénica e eficaz”, é dicir, que produce “unha resposta inmune protectora fronte ao patóxeno, e que é segura e non causa efectos adversos”.
Unha vez finalizada esta etapa, pasaríase á fase clínica con humanos, que á súa vez ten varias etapas. En primeiro lugar, avalíase a súa seguridade en voluntarios sans, que non teñen a enfermidade, para confirmar que a vacina non induce efectos adversos. Posteriormente, estúdase a súa eficacia en persoas que están expostas ao virus, para ratificar que se xera resposta inmune e que esta resposta inmune protexe.
De maneira paralela, débese estudar a manufactura da vacina a grande escala para confirmar que se poden obter as miles de doses necesarias para a poboación e que conserva as propiedades coas que se deseñou, mantendo a súa eficacia e seguridade.
A escala internacional, son 78 os equipos de varios países que traballan contra reloxo para obter unha vacina contra o coronavirus. Algúns expertos cren que sería posible que estivese lista no outono, e as farmacéuticas traballan xa para acelerar os procesos e que a inmunización sexa posible no menor tempo posible.
Fonte: La Voz de Galicia