Comezan as Aulas Tecnópole e o curso de capacitación en proxectos científicos para profesores

n

Tecnópole inicia estes días dúas actividades de capacitación de estudantes e profesores no ámbito da ciencia e a innovación: as Aulas Tecnópole, que alcanzan a súa cuarta edición, e un curso destinado a docentes para que poidan axudar aos seus alumnos a preparar proxectos, que se realiza por primeira vez este ano no marco da Galiciencia e para o que viu desbordada a cota de inscrición.
n
nAs Aulas Tecnópole comezaron o curso 2013-2014 coa participación de 86 alumnos e alumnas procedentes de dez centros da provincia de Ourense, que desenvolverán os seus proxectos científicos e innovadores até maio de 2014.

nDurante este oito meses, os estudantes trasladaranse unha tarde por semana ás instalacións que Tecnópole acondicionou especialmente para eles, en dúas quendas de mércores e xoves para que a atención dos formadores –con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características– sexa máis persoalizada.

nOs estudantes, todos eles de segundo ciclo de Secundaria e Bacharelato, recibirán formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Os seus ámbitos de traballo abarcarán todas as áreas do coñecemento, desde as novas tecnoloxías e a informática até as ciencias ou as humanidades.

nAínda que a decisión final sobre o obxecto dos seus proxectos será dos equipos que formen os alumnos, os formadores propuxéronlles varias ideas ás que algúns xa se apuntaron.
n
nDo pan perfecto a xogos para o móbil

nNo ámbito experimental e ambiental, un dos proxectos que levarán a cabo os estudantes das Aulas Tecnópole será unha investigación sobre a relación entre a música e o crecemento bacteriano. Noutro deles os estudantes tratarán de desentrañar a fórmula do pan perfecto, baseándose en parámetros de calidade e máxima durabilidade.

nNa contorna TIC, os alumnos e alumnas recibirán nocións de programación para poder levar a cabo o seu proxecto, que poderá consistir na elaboración dun programa informático (por exemplo, un xogo para o móbil) ou no desenvolvemento dun prototipo (como un robot de limpeza de chans).

nNo ámbito das humanidades, un dos proxectos que se abordará será a reconstrución virtual das ruínas de varios monumentos de Ourense para ver como eran en orixe mediante tecnoloxía 3D.

nAs Aulas Tecnópole enmárcanse no programa de divulgación da ciencia e da innovación que a Tecnópole leva a cabo desde os seus inicios para achegar a súa actividade á sociedade e contribuír a espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre os máis novos.

nOs participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia, a feira científica e de innovación que organiza Tecnópole a finais de novembro, e noutros certames estatais, como a Exporecerca Jove que se celebra en Barcelona.
n
nCurso para profesores
n
nComo novidade, a programación da Galiciencia incluirá este ano unha actividade demandada polos docentes galegos e que terá lugar de maneira previa á celebración do evento. Entre outubro e principios de novembro celebraranse no catro provincias talleres de capacitación dirixidos aos profesores e profesoras de Bacharelato, Secundaria e FP para que poidan axudar aos seus estudantes a preparar proxectos científicos, tanto para presentar á edición da Galiciencia do ano próximo como a outros certames similares de carácter estatal.
n
nO primeiro dos cursos comezou este luns día 14 para os profesores de Ourense nas instalacións de Tecnópole. O martes comeza en Lugo e a finais de mes farao en Santiago e Vigo. Cada un deles ten unha duración de seis horas repartidas en dúas sesións, cunha semana de intervalo entre elas.
n
nA iniciativa espertou un gran interese na comunidade docente, até o punto de que se rexistrou unha demanda de participación maior que o número de prazas. Para os que quedaron fóra da convocatoria, a documentación do curso está dispoñible en aberto na  web de Tecnópole.

n

n

 

n