Comeza Galiciencia 2023 con cifra récord de participantes, máis de 4.800

Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.

Esta 18ª edición desenvólvese os días 10, 11 e 12 de maio baixo a temática “Aeronáutica e Aeroespacial”, aproveitando que o Parque conta coa Aula Newton Galicia, centrada nestes intres en introducir aos máis novos no mundo da aviación. De xeito presencial van participar un total de 243 rapaces e rapazas de 34 centros educativos diferentes. Por provincias, de Ourense hai 15 centros, de Pontevedra 9, da Coruña 6 e de Lugo 3; e, de fóra de Galicia, hai un centro de Cádiz. Asistirán á feira con visitas organizadas unhas 1845 persoas, tanto docentes como alumnos, de 41 centros de toda Galicia. Tamén se pode participar de maneira online.

Concurso de proxectos: 51 propostas competirán polo premio final

Nesta edición presentáronse un total de 119 proxectos, o que supón unha cifra récord de participación. Finalmente seleccionáronse 106 propostas, procedentes de centros educativos de toda a comunidade galega -con moita presenza do rural-, ademais de Andalucía. De maneira presencial concorren 51 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP -que serán os que compitan polo premio final- e 30 de Primaria. De xeito online participan 19 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP e 6 de Primaria. As diferentes actividades, tanto presenciais como en liña, aglutinarán este ano a máis de 4.800 participantes.

Durante estes tres días os equipos seleccionados para amosar os seus traballos científicos en Galiciencia exporanos nos stands da feira. Explicarán as súas propostas ao público visitante, ensinándolles os seus prototipos, experimentos e resultados. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.

Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática da “Aeronáutica e Aeroespacial”, así como o proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i -en liña co afán de Tecnópole de promoción do STEM feminino-. Este ano haberá tamén un premio especial para a mellor proposta na categoría de FP. E galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen de xeito online.

Máis información: www.galiciencia.com

Fonte: Tecnópole