Comeza a conta atrás para Galiciencia

A feira científica Galiciencia está promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación; e co patrocinio da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación).

Logo de dous anos realizándose en formato online debido á pandemia, regresa de novo de xeito presencial (aínda que tamén se pode participar de maneira online). Esta 17ª edición terá lugar os días 11, 12 e 13 de maio coa “Economía circular” como fío condutor, en consonancia co esforzo de Tecnópole de aliñarse cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas para protexer o planeta.

Nesta edición participarán de xeito presencial un total de 210 rapaces e rapazas de 37 centros educativos diferentes. Por provincias, de Pontevedra hai 12, da Coruña 10, de Ourense 8 e de Lugo 4; e, de fóra de Galicia, están representadas (cun centro cada unha) Biscaia, Madrid e Barcelona. Asistirán á feira con visitas organizadas, debido ás limitacións de aforo derivadas da pandemia, unhas 1600 persoas, tanto docentes como alumnos de 40 centros de toda Galicia. 

Concurso de proxectos: 50 propostas competirán polo premio final

Nesta edición participan un total 90 proxectos procedentes de centros educativos de toda Galicia, ademais de Cataluña, Madrid e o País Vasco. De maneira presencial concorren 50 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP -que serán os que compitan polo premio final- e 20 de Primaria. De xeito online participan 17 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP e 3 de Educación Primaria. As diferentes actividades aglutinarán este ano a un total de 2874 participantes.

Durante tres días os equipos seleccionados para amosar os seus traballos científicos en Galiciencia exporanos nos stands da feira. Explicarán as súas propostas ao público visitante, ensinándolles os seus prototipos, experimentos e resultados. Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. Así, realizaranse talleres científicos, espectáculos de ciencia, concursos diversos e os asistentes mesmo poderán participar nun programa de radio.

Máis información: www.galiciencia.com

Fonte: Tecnópole