Se o teu banco che amosa uns gráficos cos que podes entender mellor en que estás a gastar o diñeiro, de onde proceden os teus ingresos, como se comportan ambas as variables e que medidas podes tomar para mellorar estes movementos e sacar máis partido dos teus cartos, poida que esteas a usar, sen sabelo, a Intelixencia Artificial desenvolta pola empresa española Coinscrap Finance. Aínda que foi EVO o primeiro que confiou nas solucións desta empresa, actualmente a Fintech traballa tamén co Banco Santander ou Bankinter, así como con compañías de seguros como Generaly, Mapfre ou Caser.
David Conde, CEO e cofundador de Coinscrap Finance, explica que COCO (como chaman á súa Intelixencia Artificial) preséntase en diversos produtos para ser empregados polos bancos, para facer unha análise dos datos en materia como aforros, categorización, seguros ou gastos. “Basicamente o que facemos é prover de microservizos aos bancos, relacionados coa planificación financeira, para mellorar a saúde financeira dos usuarios. É dicir, os nosos clientes son os bancos, pero quen utiliza as solucións que facemos nós normalmente é o usuario final”, explica. Conde detalla que este motor é capaz de entender o movemento ou a transacción bancaria e categorizalo. “Sabe se é un ingreso, un gasto, o tipo de gasto, se é periódico, se é un vencimento dun seguro… É a principal capacidade do motor e faino especialmente ben. De feito, traballa cun 90% de eficiencia”, asegura.
Unha vez categorizado e clasificado cada dato, COCO crea “propostas de valor ao redor del”. Unha primeira é “poder ofrecer ao usuario unha visión moi sinxela da desagregación de ingresos e gastos, dunha maneira moi ordenada, para entender en que se emprega o diñeiro, para poder acceder e entender realmente como están as súas finanzas persoais”.
Esta startup, que dá emprego a máis de 30 persoas, ten sedes en Pontevedra, Ourense e Madrid, aínda que traballa de maneira remota. Da man dalgúns dos seus clientes está a iniciar a súa internacionalización, arrincando en México.
Fonte: La Razón