Coasa poxa por un paquete de traballo para dúas novas versións dos E170 e E190 de Embraer

O Grupo Aernnova anunciou o pasado setembro a adxudicación da construción de compoñentes para o Airbus A380, o avión comercial máis grande do mundo. A ourensá Coasa creará as estruturas de fibra de carbono para os aleróns deste avión.

Non obstante, esta pode que non sexa a única boa noticia que chegue á empresa galega e, por ende, ás súas socias na comunidade (principalmente Delta Vigo e Utingal). Segundo o responsable da empresa, Yago Fontán, a compañía está a poxar forte por un paquete de traballo para as novas versións dos E2 de Embraer, concretamente os modelos E170 e E190. De confirmarse esta nova carga de traballo, tanto Delta como Utingal poderían optar a fabricar parte dos compoñentes.

En concreto, a firma xa traballou para os E170 e E190 da firma brasileira realizando o mecanizado das peles (estruturas dos aleróns) e tamén no caso de E170 a torque box (caixa de torsión) dos estabilizadores.

“Embraer quere externalizar un paquete de traballo e nós, xunto a outros competidores, optamos a iso”, explicou Fontán. Neste caso, trátase de traballos de material composto (composite) e moldeo manual (lay-up), dos que tampouco se pode saber moitos máis detalles debido ao proceso do concurso. “O normal é que nuns dous ou tres meses saibamos algo e intentaremos que as empresas que traballan para nós tamén se beneficien. Sempre intentamos ser o máis competitivos e compénsanos ter a cadea de traballo na zona”, indicou o responsable de Coasa en relación a Delta e Utingal.

Sobre o modelo de Airbus A380, Fontán comentou que a previsión é realizar “dous ou dous avións e medio ao mes” a partir de decembro ou xaneiro, o que significará facer unhas 12 peles por avión. Cada ala do xigante A380 ten tres aleróns con dúas peles, compostas dunha capa superior e doutra interior. Airbus pretender construír 25 destes avións o próximo ano e Coasa ten que facer as primeiras entregas en marzo.

Fontán concretou tamén que por parte de Airbus (e a súa división Eurocopter) non manexan ofertas novas. “En xaneiro empezaremos a fabricar e o próximo ano esperamos poder anunciar novos contratos”, sentenciou.

(Fonte: Faro de Vigo)