O grupo Aernnova, ao que pertence Coasa, participa na enxeñería e na fabricación de numerosas aeroestruturas deste modelo, como son o estabilizador horizontal, o elevador ou o temón de cola.
Na práctica, esta histórica adxudicación representa a entrada da planta ourensá nun novo segmento de especialización, o das pezas para motores. Nos seus trece anos de percorrido, destacara como centro especializado en composites de estrutura, partes móbiles e estabilizadores. Agora achegará pezas relevantes para o motor -producidas en fibra de carbono-, coas que a fábrica galega dará outro importante salto cualitativo.
Airbus xa vendeu 820 exemplares deste modelo, con pedidos procedentes de 40 clientes, o que constitúe un éxito comercial. A fabricación presenta aínda unha cadencia baixa, pero a partir de 2015 acelerarase ata alcanzar en 2018 un ritmo de alta produción, cunha carga estimada de 150 unidades ao ano.
Esta mesma semana, un dos catro prototipos que xa se atopan en fase de probas -o quinto unirase este verán-, realizou un voo diúrno e outro nocturno con saída dende Toulouse e operados por tripulación e persoal de cabina de Air France e de Lufthansa.
Airbus espera lograr para outubro a certificación final do seu novo avión de tamaño medio e longo alcance -con capacidade para entre 276 e 369 prazas-, mentres que xa prevé a estrea comercial para decembro.
O ambicioso proxecto do Airbus A-A-350XWB iniciarase coa entrada en servizo da versión 900, que é precisamente na que Coasa asegurou a súa participación cun contrato inicial. Por medio do grupo Aernnova, tamén ten previsto optar a adxudicacións da versión A350-1000, correspondente ao segundo dos modelos da gama A-A-350XWB, que actualmente se atopa na fase de finalización do desenfio.
Por outra parte, o contrato que xa vincula a Coasa cos motores do A-A-350XWB establecerá relación directa entre a fábrica de Tecnópole e a de Airbus en Nantes. As pezas non viaxarán previamente a plantas intermedias do grupo, senón que o seu destino final será a fábrica que opera como o gran centro de excelencia de material composto.
Aposta por Galicia
Para participar no proxecto do A-A-350XWB, Coasa non necesitará introducir cambios tecnolóxicos, nin laborais: “Dende o punto de vista do desenvolvemento tecnolóxico hai moitas similitudes con outras pezas estruturais que xa vimos fabricando. A produción seraÏ asumida polo persoal actual (342 empregados) entre oscilacións de cadencia doutros paquetes”, explica Yago FontaÏn, director xerente de Coasa, quen subliña que o novo fito da especialización en pezas de motores “supón unha nova demostración da firme aposta de Aernnova por Galicia”.
Prototipos do Embraer KC-390
No trimestre actual, o centro produtivo de Aernnova en Galicia entregou pezas para os dous primeiros prototipos do Embraer KC-390, o avión de carga de operatividade polivalente do grupo brasileiro. A achega galega son numerosas pezas para as partes móbiles (aleróns, flaps e temón vertical), así como para o estabilizador horizontal e vertical. As primeiras son subministradas a través doutras plantas de Aernnova e as segundas son enviadas directamente á factoría de Embraer en Portugal. O contrato garante a participación de Coasa durante toda a vida do modelo KC-390.
(Fonte: Expansión)