A filial ourensá do grupo Aernnova fabrica dous importantes compoñentes do modelo A320 Neo: as portas do tren de aterraxe e os spares do estabilizador horizontal. O contrato coa liña aérea india incrementará de forma importante a actividade da planta e das súas principais auxiliares galegas especializadas en mecanizado: Utingal (en Tui, Pontevedra) e Laddes Works, tamén en Tecnópole.
Facturación en aumento
“Aernnova é a adxudicataria do 100% das portas do tren de aterraxe do A320 Neo e Coasa asume o 25% desa produción. O 75% repártese entre a planta de Aernnova en Vitoria e Cybertecnic (Cádiz)”, explica Yago Fontán, director xerente de Coasa e vicepresidente do Consorcio Aeronáutico Galego.
Ademais, na planta de Ourense fabricaranse o 50% dos spares do estabilizador horizontal (da outra metade encárgase Alestis Aerspace, en Sevilla). “Este contrato é importante polo volume de unidades, xa que garante unha estabilidade na produción, e tamén pola facturación, que se verá incrementada,”, afirma o director xerente.
Airbus, principal cliente
Coasa ten un equipo de 350 empregados, traballa para todos os modelos de Airbus e factura 45 millóns (dato do 2014). “Temos dous clientes principais, Airbus, que supón o 70% da nosa carga de traballo, tanto para a división civil como militar, e Embraer, que achega o 30% da actividade”, aclara Fontán.
Este ano está presupostada unha inxección de 45 millóns de euros nas instalacións de Tecnópole para acondicionalas a novos pedidos. Entre eles, ademais do A320 Neo, outro contrato con Airbus en Nantes para a fabricación dos aleróns do A380, o maior avión de pasaxeiros do mundo, ademais do A350.
Pero de todos os modelos en carteira, o A230 Neo (substituto e versión mellorada do actual A320, que compite no mercado co 737 Max de Boeing) leva camiño de converterse no verdadeiro supervendas de Airbus. “Este pedido confirma que a familia A320 é o avión de pasaxeiros elixido nos mercados de aviación con maior crecemento”, declarou o responsable de clientes de Airbus, John Leahy.
IndiGo comezará a recibir as entregas dos novos reactores dende o 2018 ata o 2026. Pero non quedará aí a cousa.
Preparados para máis
O mercado indio podería dar máis alegrías a Airbus e á aeronáutica española, xa que o número de pasaxeiros nos seus aeroportos pasou de preto de 40 millóns no 2000 ata máis de 200 millóns no 2012, segundo aseguraron fontes gobernamentais. O país modernizou máis da metade dos case cen aeroportos que ten e prevé ampliar esta rede durante os próximos anos.
Á espera de máis boas noticias, de momento, a actividade aeronáutica e aeroespacial en Galicia xerou o 0,04% das exportacións da comunidade no 2014 grazas ao labor de máis de 20 empresas e organizacións certificadas e doutras 40 con potencial para introducirse no mercado a curto prazo.
Todo apunta a que esas cifras pronto quedarán curtas. Ademais de Coasa, outra das empresas do sector, Delta Vigo, investirá este ano 30 millóns para construír a súa terceira planta en Galicia (a cuarta en España), coa que prevé elevar a facturación dende os 22 millóns actuais ata os 60, no horizonte do 2020.
(Fonte: La Voz de Galicia)