O centro de formación da empresa ourensá Coasa especializado en aeronáutica formou 36 persoas dende o mes de novembro. Doce alumnos están a participar na terceira unidade formativa para desempregados e 24 persoas xa recibiron unha cualificación. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou en Tecnópole as instalacións deste centro de formación que Coasa abriu en outubro e onde se desenvolve esta iniciativa autonómica de formación nas empresas.
Este centro ten a acreditación da Xunta para expedir un certificado de profesionalidade e a administración autonómica financia ao cen por cen os cursos que deseña e imparte o propio tecido produtivo. Este programa da Xunta está dirixido a ocupados e desempregados e as empresas téñense que comprometer a contratar o 40% dos alumnos sen traballo.
Os doce alumnos que actualmente se están a formar no centro de Coasa prepáranse para obter a cualificación na especialidade de mecanizado de elementos aeroespaciais. Esta terceira unidade formativa comezou en novembro e rematará en abril.
Segundo dixo o conselleiro Conde, este programa combina teoría e práctica e supón unha oportunidade para a empresa, porque mellora os seus procesos produtivos e gaña en competitividade e tamén para os traballadores, que cada vez estarán máis formados.
Novas tecnoloxías
O responsable do departamento de Economía subliñou que a formación é agora máis necesaria que nunca para responder ao proceso de transformación dixital e pola maior presenza das novas tecnoloxías na industria, onde están a transformar moitos postos de traballo.
As instalacións de Coasa en Tecnópole mostran o compromiso desta compañía coa formación, destacou Conde.
(Fonte: La Voz de Galicia)