CIS Madeira e Xunta colaboran para que a biomasa sexa o motor enerxético en Galicia

Substituír as caldeiras actuais de gasóleo ou fueloil por outras de biomasa que utilicen o biocombustible xerado polos desbroces dos montes galegos pode supoñer tanto ás industrias, como ás economías domésticas, un 50% de redución do gasto enerxético.

Sobre esta idea pivota a Estratexia Integral de Impulso á Biomasa en Galicia, do que falou o pasado luns o conselleiro de Industria Francisco Conde en Ourense, que pretenden conseguir un aforro global na comunidade galega de ata 70 millóns de euros a industrias (especialmente as do sector agroalimentario), particulares e no propio mantemento das instalacións públicas da Xunta, a través da implantación progresiva desta aposta pola biomasa como combustible.

O conselleiro de Economía adiantou estes proxectos con motivo da súa participación no Consello Asesor do CIS Madeira no Parque Tecnolóxico de Galicia, un centro que sinalou que vai  xogar un “papel fundamental”, ao transferir o seu coñecemento investigador a este proxecto de implantación da biomasa en Galicia.

Axudas

Así Francisco Conde sinalou que o CIS Madeira “pilotará diferentes proxectos innovadores, e intentará aglutinar a participación da industria a través do propio centro e do Inega”, incidiu.

Conde, quen estivo acompañado polo delegado da Xunta, Rogelio Martínez, e o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, sinalou que o CIS Madeira converteuse nos últimos anos nun “referente de eficiencia e produtividade”, así como “nun eixo vertebrador de investigadores e empresarios”.

A idea é que este centro de investigación sobre a madeira, con sede en Ourense, se converta, segundo explicou o titular de Economía nunha especie de centro xerador de ideas e estratexias para que eses restos hoxe tirados nos montes experimenten un proceso o suficientemente rápido e rendible, como para conseguir a valorización enerxética da biomasa impulsando o consumo deste combustible con fins térmicos.

O proxecto ten varias fases. En primeiro lugar, o Inega, Instituto de Enerxías de Galicia, porá en marcha unha liña de 10 millóns de euros para implantar estes equipos de biomasa térmica.

Á súa vez, a través doutro organismo público, o IGAPE, darase condición de enerxía sustentable e actividade “preferente” á biomasa, priorizando o apoio a quen presente proxectos na materia a través das distintas liñas de axuda e categorías, segundo se trate de subvencións particulares ou empresas.

(Fonte: Faro de Vigo)