A Xunta -a través do CIS Madeira-, a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito e a Universidade de Vigo asinaron un acordo marco para a utilización de madeira e pedra natural nas infraestruturas da institución viguesa.
O convenio busca o desenvolvemento e o emprego de novos tratamentos e materiais de madeira, pedra natural e novas técnicas construtivas. Ademais de promover o uso de produtos autóctonos, o obxectivo final é contribuír á innovación, a competitividade e a internacionalización das empresas galegas.
Tal e como destacou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, durante a firma do acordo, os sectores do granito e a madeira son xa moi importantes para a economía galega. Así as exportacións da madeira e do sector forestal galego creceron en 2018 un 7,7%, sumando máis de 920 millóns de euros. Ademais, a Comunidade destaca pola súa especialización na industria extractiva, co 41% das rocas ornamentais do conxunto estatal.
A industria forestal e extractiva teñen tamén unha importante contribución á creación de emprego e riqueza en Galicia, e así, 90.000 familias da Comunidade están vinculadas á industria forestal e á minería, que no seu conxunto supoñen o 2,5% do PIB galego.
Apuntou o conselleiro que “esa capacidade temos que trasladala aos aspectos construtivos, é onde estamos a englobar esta colaboración, precisamente para seguir impulsando de cara ao futuro, dende o punto de vista técnico e tecnolóxico novos materiais e novas tecnoloxías”.
Dentro dos compromisos do convenio, búscase promover a colaboración en materia de innovación tecnolóxica, favorecendo o intercambio de información e a transferencia de coñecemento; deseñar e xestionar actuacións conxuntas dedicadas a promover e divulgar o uso e desenvolvemento de novas tecnoloxías de aplicación de madeira estrutural e de pedra natural; e a fomentar conxuntamente o establecemento de redes de innovación e de I+D, así como os consorcios públicos-privados de innovación colaborativa.
O acordo asinouse no edificio de I+D que está a proxectar a Universidade de Vigo no Casco Vello vigués, que terá a madeira como elemento esencial, en concreto taboleiro contralaminado.
(Fonte: Economía en Galicia)