n
n
Un chicle que alimenta e unha cociña solar low cost para países subdesenvolvidos son só dous exemplos do que se poderá ver, oír e tocar na ‘Galiciencia’ este ano. A maior feira científica de Galicia é un ano máis actividade de referencia da Semana da Ciencia en España por medio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria.
n
n
n
n
Durante os días 21, 22 e 23 de novembro a entidade organizadora, Tecnópole – Parque Tecnolóxico de Galicia, acollerá no seu recinto de Ourense unha carpa na que 50 equipos de estudantes de toda Galicia, a excepción de tres que proceden de Cataluña, mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación.
n
n
A mostra contará coa participación de escolares e profesores de centros de Secundaria e de FP, aos que se sumarán os equipos de alumnos das Aulas Tecnópole, a iniciativa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia. Ademais, a Fundación Barrié participará cun stand propio no espazo da feira e con talleres para que os participantes proben sorte no ‘Gran xogo da ciencia’ e charlas para que os docentes coñezan a canle ‘educaBarrié’, unha plataforma web na que se pon ao dispor da comunidade educativa os contidos didácticos e materiais relacionados cos proxectos de referencia das súas áreas de actuación: patrimonio, cultura, investigación, educación e servizos sociais.
n
n
Conmemoración do 20 aniversario
n
n
Este ano a Tecnópole celebra o seu 20 aniversario e, para celebrar a ocasión con todos os participantes e visitantes da ‘Galiciencia’, entregará gratuitamente un exemplar do libro “Dos quarks á proxima extincion. Unha viaxe fascinante pola historia do Universo e a vida”, editado pola Xunta de Galicia. Esta obra, escrita por Pedro José Cascajosa coa edición científica de Xurxo Mariño, é un apaixonante relato que pretende dar resposta a unha das grandes cuestións asociadas á nosa existencia: de onde vimos e a onde imos?
n
n
Tamén forma parte da conmemoración do vixésimo aniversario a celebración de tres concursos, que son novidade na ‘Galiciencia’: un de fotografía, un de artigos científicos e outro de lemas sobre a sostibilidade.
n
n
Actividades para todos os gustos
n
n
‘Galiciencia’ chega á súa sétima edición cunha ampla oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Enerxía Sustentable para Todos a través dun taller no que se busca concienciar aos rapaces e rapazas sobre a importancia das enerxías renovables. Esta actividade conta coa colaboración da empresa da Tecnópole Gaélica Solar.
n
n
Outra das novidades deste ano será a achega que a ‘Galiciencia’ fai á conmemoración do Día do Científico Galego, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias, a través dun taller dedicado á figura e ao legado do considerado “pai da Química galega”, Antonio Casares, homenaxeado na edición de 2012.
n
n
Outro dos talleres estará dedicado ao cerebro. Nel presentaranse os coñecementos actuais sobre o seu funcionamento e, mediante xogos sensoriais e experiencias sorprendentes, os participantes descubrirán algúns dos segredos que esconde a nosa mente.
n
n
O planetario móbil, xa un clásico do evento, permitiralles aos máis pequenos (os alumnos de Primaria) achegarse ao fascinante mundo das estrelas, os planetas, as galaxias, etc.
n
n
O mundo do cine volverá ter o seu espazo na ‘Galiciencia’ a través dun taller titulado ‘Fotogramas de ciencia’ no que, entre outros temas, tratarase de ver que hai de certo no mito de Frankenstein, a existencia de xigantescos insectos que atacan cidades ou os monstruosos extraterrestres que só pensan en destruír a Terra.
n
n
Logo do éxito acadado na edición do ano pasado, a ‘Galiciencia’ volverá contar coa súa propia redacción de xornalistas, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será entregada a todos os asitentes á entrega de premios o último día.
n
n
n