Cincuenta emprendedores dan forma á súa idea de negocio nos «coworking» de Ourense

Un total de 57 ourensáns cunha idea de negocio presentaron o seu proxecto para participar nun dos tres coworking que a Xunta porá en marcha este ano na provincia: na Rúa, na Mancomunidade do Carballiño e na Tecnópole, con apoio da Escola de Organización Industrial. «O obxectivo é que ningún proxecto viable quede nun caixón por falta de apoio», en palabras do conselleiro de Industria, Francisco Conde, na presentación celebrada en Valdeorras. Nas cinco edicións anteriores de coworking na provincia creáronse 89 empresas, con 122 postos de traballo.

Cada idea será analizada de maneira individual para que poida «moldearse de forma axeitada» e facela viable, engadía Conde. Para iso, os emprendedores contarán co apoio continuo do mentor de cada espazo de negocio, ademais de con sesións puntuais con expertos de distintas áreas, desde mercadotecnia a fiscalidade pasando por internacionalización. Porque non só é ter unha boa idea, senón tamén analizar os custos de pola en marcha e xestionala despois para que sexa viable economicamente e se converta nunha fonte de ingresos.

Os tres coworking ourensáns traballarán en rede para compartir experiencias e coñecementos. Hai 18 proxectos presentados na Rúa, 20 no Carballiño e 19 na Tecnópole. Pero aínda poden ser máis. Conde incidiu en que aínda está aberto o prazo para a presentación de candidaturas. «Estamos absolutamente envorcados non emprendemento para a recuperación económica postcovid e para unha nova cultura do emprendemento e o papel do rural», engadía Conde.

Fonte: La Voz de Galicia