A feira científica celebrarase entre os días 10 e 12 de abril, con diversos premios para os equipos chegados de varios países de todo ou mundo que presenten os proxectos máis interesantes segundo o xurado.
Os seleccionados este ano entre os enviados dende as Aulas Tecnópole son dous dos proxectos presentados na Galiciencia 2013 máis outros tres. En primeiro lugar, a gañadora do premio de Galiciencia na categoría de Bacharelato, que acaba de gañar o primeiro premio do certame KiiCS de arte, ciencia e tecnoloxía, levará tamén á Exporecerca o seu respaldo intelixente para detectar malas posturas. O proxecto conta xa cun prototipo de cadeira que, ante unha postura inadecuada das costas, acende uns pilotos luminosos de alerta.
Outro dos equipos presentará un sistema de detección de chuvia ácida e varios métodos para contrarrestar os seus efectos. Con este proxecto preténdese comprobar de primeira man os efectos da chuvia ácida sobre as plantas e os chans, verificar se é posible empregar metais de sacrifico como o magnesio para contrarrestar os efectos da chuvia ácida e construír un sistema que permita detectala dende o primeiro momento en que se produza.
Entre os proxectos que son novidade tras a última edición de Galiciencia figura un divertido sistema de lanzamento e estudo do tiro parabólico de esferas de chocolate. Consiste en deseñar e construír un sistema electrónico programado e automatizado de lanzamento de esferas de chocolate (conguitos) co obxectivo de axudar aos alumnos a entender o tiro parabólico dunha forma divertida e deliciosa.
Un sistema antirroubo para mochilas mediante tecnoloxía RFID (radiofrecuencia) será outra das propostas que os alumnos das Aulas Tecnópole levarán á Exporecerca. Trátase dunha tecnoloxía capaz de bloquear a cremalleira dunha mochila mediante un sensor RFID para evitar que ninguén que non sexa o seu dono poida abrila. Para desbloqueala, o seu propietario non ten máis que pasar por diante do sensor unha tarxeta persoal que usa a mesma tecnoloxía.
Por último, os alumnos levarán ao certame un proxecto de deseño e construción de células fotovoltaicas con materiais caseiros e o estudo da relación entre as dimensións das súas diferentes compoñentes para obter o máximo rendemento.