Científicos mexicanos crean unha innovadora pulseira para medir o colesterol e triglicéridos

Científicos mexicanos están a desenvolver un reloxo-pulseira que mide en tempo real a concentración de colesterol e triglicéridos a partir da viscosidade do sangue, o invento ideal para os hipocondríacos pero tamén unha alerta permanente sobre a importancia de levar unha vida sa.

O mecanismo, que está na súa fase de prototipo no Instituto de Investigacións en Materiais (IIM) da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), facilitará o labor dos médicos e o coidado dos pacientes.

“A idea é ter un dispositivo, como un reloxo, que sexa capaz de medir a presión,” pero tamén o colesterol e os triglicéridos, explicou Leonardo Moreno Morales, integrante do doutorado en Ciencias e Enxeñería de Materiais, nun comunicado difundido pola UNAM. “Con este método non é necesario extraer sangue para obter os datos, o que representa unha gran vantaxe,”, agregou. Os investigadores non buscan “armar unha pulseira dende cero”, xa que algunhas cuestións tecnolóxicas, electrónicas, instrumentais, están fóra do seu campo de coñecemento, senón utilizar reloxos intelixentes con sensores médicos que hai no mercado para concretar as súas medicións.

En México, os altos niveis de colesterol e de triglicéridos, provocados polo exceso de peso e unha dieta con alto consumo de graxas, afectan unha boa parte da poboación, que ocupa o segundo lugar en obesidade a nivel mundial. Na actualidade, os triglicéridos e o colesterol detéctanse en probas de laboratorio mediante a extracción dunha mostra de sangue e os seus resultados levan certo tempo, pero coa pulseira estes obtéñense en tempo real e sen extraccións.

(Fonte: Innovaticias)