O corpo humano é unha máquina moi potente. Ten órganos dunha complexidade que asombra, como o cerebro, e outros, como o corazón, capaz de latexar sen parar uns 2.000 millóns de veces no tempo que dura a vida dunha persoa de 70 anos. Pero non é perfecta. O cancro, por exemplo, representa o prezo que hai que pagar por ser organismos con millóns de células. Aínda que, por primeira vez na historia do ser humano, existe unha ferramenta, a ciencia, capaz de mellorala.
Unha das técnicas chamadas a revolucionar o campo do medicamento chámase catálise artificial. «Nós tentamos modificar o funcionamento das células. É dicir, intervir nos procesos biolóxicos dos seres vivos. Conseguímolo usando metais que non están presentes no noso organismo, como o ouro e o paladio, que promoven reaccións que o noso corpo non está deseñado para producir», sinala María Tomás-Gamasa, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS).
O equipo de investigación que María codirixe co profesor José Luís Mascareñas no centro da Universidade de Santiago acaba de protagonizar un fito neste ámbito específico, que trata de simular a función dos enzimas, ao reproducir en células vivas unha reacción química de alta complexidade. «O tipo de transformación artificial que conseguimos no laboratorio leva unha complexidade que até agora sempre fora un obstáculo. O que xeramos dentro da célula ao introducir o complexo metálico que actúa como catalizador é crear un produto inocuo, aínda que a mesma reacción poderíase deseñar para xerar produtos tóxicos», sostén a investigadora.
Este avance tan importante que ocorreu nun laboratorio galego ten aínda moito que evolucionar, pero o seu potencial resulta incuestionable, xa que podería representar un método alternativo á quimioterapia á hora de desfacerse de células daniñas. «Podemos controlar o que sucede dentro da célula e crear, por exemplo, unha droga que chegue a matar a célula ou desenvolver un produto que dane unicamente as mitocondrias. Isto abre un abano de posibilidades», indica.
Ademais destas posibles aplicacións, a contribución deste traballo é tamén de tipo conceptual. «Queremos comprobar até que punto podemos estresar os sistemas vivos, xerando metabolismos de tipo artificial sen producir efectos citotóxicos», engade Mascareñas.
Posibles fármacos
Os investigadores demostran mesmo que mediante este método poden preparar un tipo de moléculas (antraquinonas) que non están presentes nos mamíferos, pero si en plantas e outros organismos, e que teñen moitas propiedades biolóxicas que as fan atractivas como fármacos. Con esta tecnoloxía, en principio, unha célula de mamífero si podería producir estas antraquinonas.
Este fito científico foi recoñecido como «un artigo moi importante» nunha das revistas máis prestixiosas a nivel mundial no ámbito da química, Angewandte Chemie, unha categoría na que unicamente entran o 5 % dos traballos que se publican.
Fonte: La Voz de Galicia