Científicos galegos deseñan un kit para o diagnóstico precoz da artrose de xeonllo

O Grupo de Investigación de Reumatoloxía (GIR) do Inibic da Coruña, que dirixe o reumatólogo Francisco Blanco, desenvolveu un kit que serve para facer un diagnóstico temperán da artrose de xeonllo sen necesidade de realizar radiografías. En concreto, tómase unha mostra de sangue na que se determinan unha serie de proteínas (algo similar á detección de glicosa, o colesterol, ou o antíxeno prostático específico nos homes).

Esta proba, que é o resultado duns 20 anos de desenvolvemento, nesta liña e noutras, está plenamente definida, pero aínda non implementada en todos os niveis asistenciais. Aos poucos. Co tempo, a idea é que se poida comercializar en toda a atención primaria, estando xa accesible a nivel especialista.

E a súa utilidade é crucial, para, por exemplo, predicir o risco de que un paciente necesite prótese. Non é só o diagnóstico da artrose, senón predicir o risco de tela nos vindeiros anos, e cunha altísima fiabilidade, en torno ao 80 %.

Por suposto, non é o único grupo de investigación que traballa neste tema no mundo, pero si o que maior precisión logrou, xa que outros investigadores, con outros métodos, están en torno ao 60 ou o 70 % como moito.

O grupo de Blanco tamén desenvolveu outro kit denominado RES-Toba, que serve para predicir que pacientes responden a un tratamento determinado para a artrose. E tamén vai ter un efecto crucial en moitos pacientes, xa que axuda a predicir que tipo de fármaco se lle  vai administrar aos pacientes para, por exemplo, evitar a dor.

Fonte: La Voz de Galicia