Científicos galegos abren unha vía a futuras terapias contra o cancro ou doenzas autoinmunes

Un estudo liderado desde o Centro de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) demostrou que as modificacións químicas en moléculas de ARN (ácido ribonucleico) son esenciais na reprogramación celular, o que abre así a porta para decodificar os procesos moleculares que son esenciais durante o desenvolvemento e que ven alterados coa aparición de enfermidades autoinmunes ou en cancro.

Esta contribución estivo dirixida polos grupos de Diana Guallar (Epitranscriptomics & Ageing) e Miguel Fidalgo (Stem Cells&Human Diseases) do CiMUS, e contou coa participación de oito laboratorios distribuídos entre España, Reino Unido, Estados Unidos de América, Canadá, China e Australia. Ademais, foi financiada principalmente pola Agencia Estatal de Investigación, a Xunta e a Fundación Ramón Areces.

O traballo, publicado na revista Cell Stem Cell senta un precedente no campo da investigación do uso da tecnoloxía iPSC (células nai pluripotentes inducidas) con fins terapéuticos. En 2006 demostrouse que é posible reprogramar a identidade dun tipo celular adulto a outro moi similar ás células nai embrionarias (ESCs), e que se denominou iPSC. Estas células teñen a capacidade de poder perpetuarse de maneira ilimitada e chegar a converterse en calquera célula dun organismo adulto, por iso é polo que as potenciais aplicacións terapéuticas desta tecnoloxía iPSC sexan practicamente ilimitadas.

Fonte: La Opinión