A catedrática da Universidade de Santiago de Compostela María José Alonso lidera un proxecto de investigación que busca desenvolver e avaliar unha nova vacina de longa duración fronte ao SARSCov-2. Na investigación participa ademais o grupo de Mabel Loza, catedrática tamén da USC.
O seu obxectivo é producir un vehículo sintético baseado en biomateriais inocuos que poidan transportar o ácido ribonucleico mensaxeiro (ARNm) ao interior das células diana. Desta maneira, produciríase o antíxeno no organismo humano. Os científicos deste proxecto levan tempo traballando nel e a súa proposta acaba de ser financiada polo Instituto de Salud Carlos III e o Departamento de Saúde da Generalitat de Catalunya.
O proxecto forma parte dun consorcio internacional liderado polo Institut d´Investigacions Biomèdiques August Pi i Sunyer e conta coa colaboración da Universidad de Barcelona, o Institut de Recerca Biomèdica, a Universidad Pompeu Fabra, o Centro Nacional de Biotecnología do CSIC e a Universidade Libre de Bruxelas.
A USC explica que as vacinas ARNm “enganan” ao corpo para que produza algunhas das proteínas virais, utilizando para iso ácido ribonucleico mensaxeiro, que contén instrucións para construír unha proteína. Por iso, créase unha versión sintética do ARNm que un virus usa para construír as súas proteínas infecciosas. Este ácido ribonucleico entrégase ás células. Estas leno para construír esa proteína viral. O sistema inmune detecta estas proteínas virais e comeza a producir unha resposta defensiva fronte a elas”.
Este tipo de vacinas ten varios puntos a favor, segundo os científicos que traballan nelas. Fronte ás convencionais, as vacinas de ARNm son de rápido desenvolvemento, a súa administración é segura xa que reducen os efectos adversos e a fabricación é de baixo custo.
Para desenvolver a vacina, o equipo liderado por María José Alonso utilizará métodos computacionais. Con eles, buscan identificar as partes do virus que sexan capaces de provocar unha molécula ARNm máis prometedora. Posteriormente incorporarase a un vector viral ou sintético que asegure a estabilidade do ácido ribonucleico e que favoreza a súa chegada efectiva ao sistema inmunitario.
María José Alonso estivo a traballar no desenvolvemento de novas vacinas nas últimas tres décadas. Recentemente, participou no desenvolvemento dunha vacina contra a sida en colaboración con investigadores de Estados Unidos e Canadá. Esta obtivo resultados prometedores en monos.
Por outro lado, o doutor Diego Santos, neurólogo do Complexo Hospitalario da Coruña, coordina un estudo que busca coñecer cómo está a afectar a pandemia aos pacientes de párkinson.
Fonte: La Opinión