Ciencia e tecnoloxía divertidas en Aulas Tecnópole

O Parque Tecnolóxico de Galicia pon en marcha unha nova edición das súas Aulas Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 12 a 18 anos. A matrícula xa está aberta e poderá realizarse ata o 30 de setembro (ou ata esgotar as prazas), a través da páxina web https://tecnopole.gal/aulas-tecnopole/. Esta proposta enmárcase dentro das actividades de “Tecnópole Divulga”, que busca incentivar as vocacións científicas e técnicas e o espírito emprendedor entre as novas xeracións.

As Aulas Tecnópole alcanzan este ano a súa décimo sexta edición. As prazas están limitadas a 45 asistentes, por orde de inscrición. A cota mensual é de 20 €, que inclúe ademais o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense.

O alumnado participante trasládase unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, durante os meses de outubro de 2025 a maio de 2026. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente en programas destas características. 

Proxectos de investigación con premio

Os rapaces e rapazas deciden os proxectos de investigación que van desenvolver ao longo do curso, apoiados polos seus docentes. Os participantes nesta experiencia, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Ademais, terán a ocasión de presentar as súas propostas en diferentes feiras e eventos científicos de ámbito autonómico ou nacional como Exporecerca Jove en Barcelona, Open Science en Cambre ou CinVigo na cidade olívica; nas que os equipos de Aulas Tecnópole adoitan obter importantes recoñecementos aos seus traballos.

Ao igual que o curso pasado, aproveitaranse as instalacións da Aula Newton para realizar determinadas actividades vencelladas ao ámbito aeronáutico e aeroespacial. Así, a rapazada terá a oportunidade de deseñar sondas estratósfericas, microsatélites, túneles de vento ou mesmo iniciarse na construción de drons, entre outras propostas.