As autoridades chinesas confirmaron o seu visto e prace para formalizar un multipedido ao fabricante aeronáutico europeo Airbus, ao que encargaron 160 avións comerciais: 150 da familia de corredor único do supervendas A320 e os 10 restantes do modelo de dobre corredor e longo alcance A350. A autorización chinesa refírese a aparellos cuxa venda xa fora apalabrada o pasado ano e que desde entón figuraban na carteira de encargos previstos por Airbus, aínda que sen confirmar.
Este anuncio supón un forte impulso comercial para Airbus e, por extensión, para todo o seu panel de provedores, entre os que figuran empresas aeronáuticas galegas. O consorcio aeronáutico europeo é o pulmón do sector en Galicia. A súa carteira de pedidos ten impacto directo nas empresas aeronáuticas da comunidade, que, en distintos niveis de subcontratación, provén compoñentes para os catro principais modelos comerciais de Airbus: A320 Neo, A330 (do que prepara unha versión Neo), A350 XWB e o malogrado xigante A380 (superjumbo).
O motor máis potente do sector en Galicia está en Ourense. Trátase de Coasa. A filial galega do grupo Aernnova fabrica importantes paquetes de pezas de toda a familia de avións civís de Airbus. Co construtor traballa tamén intensamente Delta Vigo, desde a súa filial instalada en Illescas (Toledo), onde ten unha planta de compoñentes para o A350. E para Airbus tamén traballa, entre outros, Utingal, con sede en Tui.
Fonte: La Voz de Galicia