Chegan as xoias intelixentes, fusión de moda e tecnoloxía

Cando practicamente xa nos familiarizamos cos smartwatch ou as Google Glass, as xoias sóbense ao carro da ‘intelixencia’ unindo tendencia e funcionalidade a partes iguais. Estamos na era dos ‘smart wearables’, os dispositivos intelixentes que podemos levar enriba comodamente e que nos fan a vida máis doada.

Credit Suisse estimou que este tipo de gadgets moven hoxe entre 3000 e 5000 millóns de dólares no mundo, pero nos próximos dous anos prevese que esta cifra ascenda ata os 50.000. De feito, a entidade cualificou a wearable technology como «a seguinte gran cousa», o próximo boom no que xa se empeza a entrever o futuro da tecnoloxía.

Agora, son as xoias as que se unen a esta onda de conectividade. A clave nestas pezas é xuntar un deseño moi coidado que non delate o seu ‘cerebro’ e funcións que complementen os nosos smartphones, pedra angular destas xoias. Iso si, a maioría delas aínda non están no mercado, pero ao longo deste 2014 chegarán ás tendas.

Smarty ring

O smarty ring é un anel que estará permanentemente conectado ao teu teléfono mediante bluetooth e notificarache as túas chamadas, mensaxes ou o estado da túa batería. Ademais, recordarache citas importantes ou servirache de espertador xa que está sincronizado coa alarma do teu smartphone.

Pero este anel intelixente non queda aí, senón que con el tamén poderemos rexeitar ou aceptar chamadas e mesmo realizalas grazas á marcación automática. Tamén localiza doadamente o teléfono cando se perde na casa ou no bolso, permítenos que lle ordenemos realizar unha foto a distancia ou cambiar a canción que estea soando nese momento no seu reprodutor de música. Unha morea de posibilidades concentradas nun só movemento de dedo.

O.R.B., anel e mans libres

O.R.B. é un dispositivo intelixente que nos informa sobre quen nos chama e nos permite ler as mensaxes grazas á súa pantalla de alta resolución de tinta electrónica. O anel posibilita mesmo visualizar fotografías. Pero O.R. B é algo máis que un anel xa que simplemente abríndoo transfórmase nun pequeno auricular que fai as veces de mans libres. Con este sinxelo xesto podemos aceptar unha chamada e falar sen sacar sequera o teléfono do peto. Se a queremos rexeitar, só temos que pulsar sobre a pantalla e a notificación desaparecerá.

FIN, un paso máis cara á conexión total do teu fogar

FIN é outro dos smart-rings que, neste caso, transformará a túa man nun control remoto para teléfonos, televisores intelixentes e calquera outro dispositivo que poidas conectar ao anel vía bluetooth. Só terás que facer determinados xestos coa man, seguindo patróns que faremos memorizar a FIN, que para apagar, acender ou que ordenar calquera cousa aos aparatos que teñas conectados. Toda a túa man se converterá nun ‘mando a distancia’ no que cada dedo é un ‘botón’.

O colgante intelixente de CSR

Esta vez é un colgante o que se volve ‘intelixente’. Cun deseño moderno e discreto, o dispositivo conéctase por bluetooth ao noso smartphone e notifícanos, mediante un pequeno led que cambia de cor, se recibimos unha mensaxe, unha chamada, un email, etc. A xoia da compañía CSR, empresa dedicada ao desenvolvemento de software para o mercado de consumo electrónico, está deseñada por Cellini, unha das xoierías máis prestixiosas de Reino Unido.

CSR, que busca con este colar xuntar estética e tecnoloxía, ve outros posibles usos neste prototipo. “Os desenvolvedores poden buscar outros usos para esta xoia”, afirma Paul Williamson, director de dispositivos sen fíos en CSR. “As posibilidades deste tipo de tecnoloxía son infinitas”.

CUFF: xoias que apostan pola seguridade

CUFF quere manter os teus seres queridos “conectados e a salvo”. Cada unha das súas pezas, entre as que se atopan colgantes e brazaletes que se axustan a todo tipo de gustos, inclúe un botón que se pode premer se se necesita axuda. Con este xesto, CUFF mandará unha alerta a todas as persoas ás que se incluíra nun grupo de aviso (por exemplo, certos membros dunha familia, amigos, etc.) a través dos seus propios CUFF, se os teñen, ou directamente aos seus smartphones.

CUFF proporcionará, ademais da localización da persoa que mandou esa notificación, outros datos importantes como o seu historial médico ou alerxias, por exemplo, para que poida ser atendida correctamente en caso de necesitalo.

Un brazalete intelixente para as máis elegantes

¿Algunha vez non respondiches a unha chamada importante porque non escoitaches o teléfono? Esta clase de situación é a que pretende evitar o brazalete de MEMI. A pulseira foi concibida pensando especialmente nas mulleres. As súas creadoras buscaban unha peza funcional que encaixase co estilo das máis fashionistas. A pulseira vibra de diferentes maneiras cando se recibe unha chamada, unha mensaxe, unha notificación de chat ou unha alerta importante. Ademais, pode programarse para que só avise cando chamen certas persoas en concreto, permitindo atender só as chamadas importantes. Conta cun botón camuflado que permite acender o brazalete ou facer que pare de avisar do que acontece no noso teléfono. Iso si, só funciona con iOS e non hai plans, de momento, para móbiles con Android.

(Fonte: Expansión)