CETAQUA Galicia é recoñecido como Centro de Apoio á Innovación Tecnolóxica no sector da auga a nivel estatal

A Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga, Cetaqua Galicia, foi recoñecida polo Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España como Centro de Apoio á Innovación Tecnolóxica.

Deste modo, Cetaqua Galicia convértese no primeiro Centro de Apoio á Innovación Tecnolóxica a nivel nacional dos doce existentes dedicado en exclusiva á auga e o medio ambiente.

A finalidade esperada dun Centro de Apoio á Innovación Tecnolóxica é a de facilitar a aplicación do coñecemento xerado. Dende a súa creación no ano 2011 por parte da empresa Viaqua, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade de Santiago de Compostela, Cetaqua Galicia vén desempeñando con éxito a función de catalizar a chegada ao mercado deste coñecemento, codesenvolvendo e validando solucións para a súa comercialización grazas ao potencial de internacionalización do grupo SUEZ.

Esta acreditación foi posible especialmente grazas ao impulso que supuxo a constitución da Unidade Mixta CIGAT (Centro de Innovacióin Galego de Sistemas Avanzados de Tratamento de Auga), enfocada precisamente ao desenvolvemento e a posta en mercado de tecnoloxías que contribúan á mellora e valorización dos recursos naturais.

Formada pola empresa Viaqua e o centro tecnolóxico Cetaqua Galicia e constituída grazas ao apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Unidade Mixta CIGAT contribúe de este modo ao posicionamento de Galicia neste ámbito grazas ao recoñecemento dun novo Centro acreditado de referencia a nivel Nacional.

(Fonte: Aguas Residuales)