A vindeira edición de Galiciencia, que se celebrará os días 14, 15 e 16 de maio de 2025, cumpre o seu 20 aniversario e, para conmemoralo, elixiuse como tema a “Neurociencia e saúde mental”. Entre as iniciativas que se van levar a cabo para celebrar estas dúas décadas de traxectoria do certame, Tecnópole elaborou unha revista e un calendario conmemorativos, nos que se fai unha viaxe polos seus fitos máis relevantes. Estes materiais distribuíronse polos centros educativos de toda a comunidade. Poden consultarse neste enlace: https://galiciencia.com/revista-calendario/
O Parque Tecnolóxico de Galicia, pioneiro en fomentar a divulgación da ciencia
Galiciencia botaba a andar en 2006 como unha iniciativa pioneira en Galicia e neste tempo logrou consolidarse como unha cita de referencia para a mocidade, facendo especial fincapé na necesidade de lograr “un mundo máis saudable, sostible e igualitario a través da innovación”. Nesta liña, Tecnópole ten un especial compromiso coa divulgación, tratando de que a ciencia sexa accesible para todas e todos. Tal como explican desde a organización, “o Parque Tecnolóxico de Galicia foi dos primeiros en incorporar, xa en 2012, no seu obxecto social a promoción da ciencia a través das actividades de divulgación científica. Detectouse a necesidade de fomentar o talento e a innovación desde idades temperás para que a mocidade poida emprender e, por que non, quedarse en Galicia ou mesmo instalarse no propio Parque”.
A revista recolle as impresións dos principais protagonistas de Galiciencia ao longo destes anos: a rapazada participante, os equipos de docentes que acompañan o alumnado á feira e fomentan neles o espírito emprendedor, o equipo de divulgadores e divulgadoras que idean os talleres e espectáculos de ciencia, os membros do xurado, os organizadores, os creadores da imaxe de cada edición…
O primeiro gañador de Galiciencia traballa como neurocientífico en Moscú
Na revista faise un percorrido polos proxectos gañadores destes vinte anos e destácase unha entrevista ao primeiro gañador de Galiciencia, Carlos Nieto, alumno do colexio Guillelme Brown do Pereiro de Aguiar (Ourense). Daquela tiña 13 anos e na actualidade traballa como neurocientífico en Moscú, onde estuda as neuronas espello en humanos. Curiosamente, a primeira edición da feira estaba dedicada á neurociencia. “Daquela eramos moi novos, pero hoxe decátome do impacto positivo que tivo o certame en min” -salienta o mozo científico-. A súa proposta era unha desanilizadora solar como solución para dispoñer de auga potable ante posibles situacións de carencia deste recurso.
Nestes anos a rapazada participante buscou solucións a problemas que nos afectan no noso día a día como o cambio climático ou a accesibilidade, deseñaron todo tipo de dispositivos tecnolóxicos, preocupáronse pola mellora da nosa alimentación, pola conservación da natureza, empregaron novas formas de enerxía e botaron man da reciclaxe por un mundo máis sostible… Así, Galiciencia leva 20 anos achegando a ciencia á mocidade e a mocidade responde con propostas cada vez máis creativas e innovadoras a prol dun mundo mellor.
O calendario, unha homenaxe a mulleres científicas pioneiras
Pola súa parte, o calendario rende homenaxe a mulleres científicas pioneiras que deixaron a súa pegada e axudaron a transformar a sociedade como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a matemática María Wonenburger. Inclúe ademais datas significativas no mundo da ciencia, compartindo deste xeito coa rapazada fitos que mudaron a maneira de ver o mundo. Destácanse así mesmo datas importantes vencelladas á nova edición de Galiciencia como os prazos para a inscrición de proxectos ou a participación nos diferentes concursos que se van poñer en marcha.