Unha delas é a compostelá Setpay, que creou un terminal de pagamento para o pequeno comercio que lle permite operar dende un smartphone ou unha tablet, sen necesidade de contratar un TPV cun banco. “Os TPV teñen uns mínimos de comisións; nós cobramos só unha pequena porcentaxe dos cobramentos que se realizan, e se hai unha mala tempada non cobramos nada”, explica David Pomar, director xeral de Setpay e impulsor da iniciativa xunto con Xavier Martínez, Javi Vázquez e Xoán González.
Esta empresa emerxente, que conta con ter máis de trescentos clientes a finais de ano, forma parte do proxecto Galicia Open Future, que lles permite ter apoio, asesoramento en cuestións como a mercadotecnia e tamén acceso a unha formación especializada.
Outro dos proxectos galegos que participaron no South Summit é Nubings, creadores dun sistema domótico que pode converter calquera casa nun fogar intelixente. “Traballamos en tres áreas, seguridade, confort e aforro enerxético, a través dun sistema de vixilancia por medio de sensores que te avisa do que acontece na túa casa en calquera momento”, detalla José Rodríguez, responsable de vendas de Nubings. O sistema tamén permite mellorar o confort, programar a temperatura dende o traballo ou poñer a lavadora á hora en que a tarifa sexa máis conveniente dende un dispositivo móbil ou a través de Internet.
O South Summit contou tamén coa presenza doutros dous proxectos galegos, Situm e Insulclock. Situm, que foi unha das tres gañadoras da pasada edición de Galicia Open Future, desenvolve sistema de localización e navegación en interiores para smartphones. Insulclock, pola súa banda, aplica tecnoloxía de última xeración no desenvolvemento de dispositivos para a administración de insulina e o control da diabete.
(Fonte: La Voz de Galicia)