Catro proxectos emprendedores da Universidade de Vigo recibirán apoio de Tecnópole

A Universidade de Vigo promove os premios Incuvi-Emprende, un programa de apoio a iniciativas empresariais de base tecnolóxica e de coñecemento, que ofrece unha formación e mentorización específica de cara á validación das ideas de negocio e á elaboración dun plan de empresa. Catro dos galardoados este ano, recibirán apoio loxístico e formativo cunha estancia dun ano na incubadora de empresas de Tecnópole. Trátase de catro propostas a cabalo entre a economía tradicional e a revolución tecnolóxica. 

Ana García presentouse con A Raíña Lourada, un proxecto que nace da fusión da experiencia familiar apícola e a posta en valor do apiturismo, mesturando a cultura do sector coa venda de produtos derivados do mel das abellas. 

No ámbito legal, Legaletic é un proxecto de despacho xurídico especializado en responsabilidade penal e dereito das novas tecnoloxías. Busca dar resposta ás necesidades de entidades públicas e privadas á hora de establecer protocolos axeitados para garantir o cumprimento da normativa actual. Detrás da proposta están Beatriz Pardo, Karen Daniela Lopera e Juan Ramón Carballo. 

Pola súa parte, Tax & Legal Chain nace coa intención de poñer a disposición das empresas unha serie de contratos intelixentes capaces de resolverse sen a intervención dun terceiro. A idea é de Luis Miguel Garnil. 

Por último, Daniel Álvarez lanzouse con VirTOU, unha proposta de servizo especializado en técnicas de virtualización en local que pretende externalizar as funcións do departamento de administración de sistemas e redes informáticas das pemes. 

Fonte: Tecnópole