Os seleccionados este ano entre os enviados desde as Aulas Tecnópole son dous dos proxectos presentados na Galiciencia 2015 máis outros dous. En primeiro lugar, Juan Carlos Navares defenderá na Exporecerca a súa aplicación móbil de compravenda de produtos agrícolas sen intermediarios, deseñada co obxectivo de reducir os prezos para os compradores e aumentar as ganancias dos vendedores. Esta ferramenta presenta como principal novidade a súa especialización no mercado agrícola, aínda sen cubrir por outras aplicacións xa existentes.
O outro equipo que xa mostrara o seu proxecto en Galiciencia é o formado por Víctor Levoso e Pablo Domínguez, que levarán a Barcelona o seu sistema de proxección de imaxes holográficas. Os alumnos deseñaron un sistema simple para proxectar hologramas que se pode axustar a un monitor de computador e mesmo a un televisor e que é moi útil como apoio didáctico nas aulas, por exemplo para proxectar mapas ou estruturas moleculares.
Das Aulas Tecnópole chegará tamén á Exporecerca o sistema de análise da calidade do aceite usado en freidoras que desenvolveron Martín Ansia e Miguel Rodríguez. Botando man da espectrofotometría, estes dous inventores son capaces de determinar cando o aceite debe ser substituído para evitar as alteracións químicas provocadas por unha reutilización excesiva que resultan tóxicas para o consumo. Das súas análises despréndese, como norma xeral, que o aceite que se usa a un ritmo de tres veces por semana non debe conservarse máis de tres semanas na freidora.
Por último, Clara Mingyue López e Iria Oleiro exporán na feira catalá o seu kit de baixo custo para realizar prácticas de xenética. As alumnas desenvolveron o seu propio prototipo utilizando a impresión en 3D e cun custo moi inferior aos dispositivos destas carácterísticas que existen no mercado. Nunha segunda fase do traballo, están a realizarse probas nos centros educativos para avaliar se se cumpre o obxectivo de mellorar a aprendizaxe dos estudantes de Secundaria sobre xenética grazas ao uso deste kit.