Catro propostas emprendedoras ideadas por estudantes do campus de Ourense obtiveron apoio da Universidade de Vigo a través da convocatoria Incuvi, que ofrece formación e titoría para acelerar o proceso de saída ao mercado. Tres delas están aínda na súa fase incipiente e unha na de consolidación.
Entre os proxectos que comezan e que reciben horas de formación, mentorización e traballo dirixido, ademais dunha axuda de 1.000 euros para gastos, está Luxsit, unha idea de Gabriel Alejandro Pérez Salas, Santiago Alberto Corrales Martínez e Lucas Hermida Peña, alumnos de último curso de Enxeñaría Aeroespacial. Este grupo de emprendedores quere implantar en Galicia a primeira empresa de espectáculos con enxame de drons para iluminar os ceos nocturnos, complementando ou substituíndo os fogos artificiais.
“A idea xurdiu ao ver con ilusión os primeiros espectáculos de drons do mundo por parte de Intel. Decatámonos de que nós tamén podiamos conseguir o control dun enxame”, explica Gabriel. Esperan conseguilo co programa Incuvi, que, ademais de asesoramento e contactos, ofrécelles un espazo na Tecnópole para os espectáculos.
Lucía Platas Mejuto tamén obtivo apoio para pór en marcha o seu proxecto Lanana Arte Textil, co que quere levar á práctica profesional a súa formación en Arte Téxtil e o Máster en Deseño de Moda. “Sempre me interesou a realización de tecidos partindo de técnicas artesanais, como a técnica de tear de alto e baixo lizo, pero dando un punto de contemporaneidade ao deseño”, explica. Este premio “supón poder materializar a idea e dispor das ferramentas para facelo realidade”, engade.
Jorge Rodríguez Cid, de Enxeñaría Informática, recibe un impulso para pór en marcha o seu proxecto Hill Chess, unha adaptación do xogo de mesa clásico do xadrez que incorpora implementación e mecánicas novas que permiten aos xogadores desenvolver unha forma de xogo independente e nova.
Por último, na categoría de consolidación, a axuda corresponde a Navia 3D, startup impulsada pola arqueóloga ourensá Rita Pérez e o enxeñeiro industrial Simón Fernández dedicada á virtualización e deseño 3D para sectores como a cultura, o patrimonio, a arquitectura ou a automoción. Conseguen mentorización personalizada por un período de 6 a 10 meses e 1.000 euros.
Fonte: Faro de Vigo