Catro firmas compostelás, no programa Galicia Avanza de internacionalización

Catro empresas compostelás participaron na primeira edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza, que acaba de concluír e foi resultado da colaboración da Xunta (a través da Axencia Galega de Innovación e do Instituto Galego de Promoción Económica) e do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).

Das 30 empresas participantes, catro están en Santiago. Trátase de AYeconomics, que naceu como spin-off da Universidade de Santiago e dedícase a atopar solucións óptimas e innovadoras a problemas socioeconómicos complexos. Errecé Láser é outra delas, fundada en 1956 e que fabrica pezas de automoción no Tambre para distintas marcas automobilísticas, así como os colectores metálicos nos que se entregan os produtos, cunha capacidade de fabricación triplicada nos últimos anos.

Itelsis, con preto de 30 anos no sector das telecomunicacións, foi outra das participantes de Santiago no programa, así como Software 4 Science Developments, unha spin-off da USC que comercializa un software para detectar moléculas de interese no desenvolvemento de novos fármacos.

Fonte: La Voz de Galicia