Case a punto a guía para integrar na paisaxe os polígonos empresariais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ultima a elaboración da Guía de boas prácticas para a integración paisaxística de áreas empresariais co obxectivo de que poida ser publicada a finais deste ano. O director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, e o director xeral do IGVS, Heriberto García, mantiveron unha reunión técnica na que avaliaron tanto a estrutura definitiva da guía como a súa ensamblaxe coa Lei de Áreas Empresariais de Galicia, aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de abril.

Na liña de garantir o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e o fomento da actividade económica, esta guía pretende servir de manual técnico para facer compatible as instalacións de servizo que precisan as áreas empresariais cos parámetros que fixan as normas de paisaxe galegas.

Esta guía ten como base o protocolo asinado o pasado verán entre a Consellería e a Federación Galega de Parques Empresariais, que establece unha colaboración para o desenvolvemento de actuacións orientadas á protección, á investigación e á divulgación de cuestións relativas á paisaxe no ámbito deste tipo de polígonos.

Fonte: El Correo Gallego