Cara ao fin da moda rápida: a primeira estratexia europea no sector téxtil

Sustentabilidade e transformación dixital son as máximas prioridades da UE. Por outro lado, tratan de modificar o seu rol no escenario internacional para diminuír a súa vulnerabilidade e converterse nun actor máis influente e independente con aplicación da Autonomía Estratéxica Aberta (AEA).

Como parte esencial desta dobre transición, a UE propón normalizar os produtos sustentables no seu territorio, fomentar modelos económicos circulares e redefinir os hábitos dos consumidores cunha serie de iniciativas políticas baixo o nome de Pacto Verde Europeo. Entre as súas metas: lograr que todos os bens físicos comercializados na UE sexan máis respectuosos co medio e eficientes desde o punto de vista enerxético en todo o seu ciclo de vida. A Comisión Europea enfoca esta reforma maioritariamente cara aos produtos téxtiles e os materiais de construción. Isto débese a que o téxtil é o cuarto no referente a impacto ambiental, o terceiro en consumo de auga e o quinto en emprego de materias primas.

En Europa existen máis de 160.000 empresas téxtiles, na súa maioría pemes, que xeran un volume de negocio anual de ao redor de 162.000 millóns de euros. En Galicia, o sector representa o 6,1% do PIB e o 36% do total de exportacións.

Nas primeiras dúas décadas do século XXI a produción mundial de téxtiles duplicou as súas cifras e prevese que alcance un incremento do 63% no ano 2030. Máis que nunca é altamente prioritario loitar contra a moda rápida, o lixo téxtil e a destrución dos produtos téxtiles non vendidos, así como velar para que a produción se leve a cabo respectando os dereitos laborais.

A través da aplicación da Estratexia da UE sobre os Produtos Téxtiles Sustentables e Circulares espérase lograr que, de aquí a 2030, os produtos téxtiles que se comercialicen en Europa sexan de longa duración e reciclables, estean maiormente fabricados con fibras recicladas, sen substancias daniñas e que se produzan respectando os dereitos sociais e o medio ambiente. Proponse para iso desenvolver novas formas para deseñar e utilizar os produtos téxtiles, e examinar solucións tecnolóxicas sustentables e modelos empresariais innovadores.

Estas medidas deberían aplicarse durante todo o ciclo de vida dos produtos de forma que o sector téxtil sexa máis competitivo, resiliente e innovador. Por suposto, todos estes desafíos supoñen para os fabricantes enfrontarse a novos requisitos obrigatorios de deseño e a réximes de responsabilidade máis severos, han de asumir a responsabilidade dos seus produtos e do tratamento dos seus residuos.

Para levar a cabo esta estratexia, a Comisión Europea presentará unha “ruta de transición para o sector textil”, un plan a longo prazo que axude ao sector a integrar os principios de circularidade nos seus modelos de negocio e a minimizar a súa pegada ambiental. Este plan será un apoio para brindar novas oportunidades de negocio aos axentes do sector e derrogar a corrente da “moda de usar e tirar”.

Fonte: Revista ECO